Lóxica e intuición

Lóxica e intuición

Georg Christoph Lichtenberg, primeiro foi estudante e logo catedrático na universidade alemá de Gotinga. O seu foron as ciencias naturais, pero iso non lle impídeo ser discípulo de Kant e publicar un libro de aforismos que levou a Nietzsche a consideralo como o millor libro existente, ó tempo que induciu  a Elias Canetti como "o libro máis rico da literatura universal". Así cun par. Eu teño ese libro, pero non sei que dicirlles; a maiores, quén se atreve a parangonarse con eses dous. Eu non. O caso é que de vez en cando releo os aforismos do teutón. Non sempre estou de acordo co que afirma neles. Ás veces, antolláseme un reaccionario; outras, un home do seu tempo; sempre, unha mente áxil. 
Hoxe é un día deses nos que dirixo o dedo furabolos ó chou, apuntando ó lombo dos libros de calquera andel da biblioteca, sen me fixar moito en que dirección apunta e a que lectura me ha dirixir, sempre sen que eu estea disposto a renunciar a ela; ás veces si; as veces renuncio a algún libro. Nesta ocasión abrino por onde lle cadrou e lin, non sen certa resignación, o que di Georg Christoph Lichtenberg no número 54 do capítulo F do seu libro, escrito entre 1776-1779 (en tradución de Juan del Sola, conste) e que ven sendo algo así como que, o que nos entendemos por ter bo siso e Fernández Albor, secundado máis tarde por Anxo Quintana, chamou sentidiño, pode ser confundible co seny catalán. Millor reséñollo. Di Lichtenberg que O bon sens, Menschen-Verstand, common sense, sentido común, moi a miúdo, é considerado un sentido perfecto cando, de feito, non é máis ca o coñecemento intuitivo -e adoito vixiante- da verdade duns cantos principios de utilidade xeral. Atenme esa mosca polo rabo. Mosca ou tabao, escollan.
Non debo ter un bo día que nin o entendo moito nin tampouco non sei que pensarán vostedes do que afirma o de Gotinga; a min, unha me vai e outra me ven. Pero ningunha delas se queda. Trátase o seny do coñecemento intuitivo dun principio de utilidade xeral? só de un, por que de varios sería moito pedirlle á caixa dos miolos. 
Eu ben sei (fixen o bacharelato polo plan do 53) que hai dúas clases de coñecemento, a saber: o coñecemento lóxico e máis o coñecemento intuitivo, e que os dous son "coñecemento". Admitamos que o nacionalismo sexa un coñecemento intuitivo, malia que pra moitos non sexa un coñecemento lóxico. Pero cismemos un pouco máis, pensémolo un pouco, se así o prefiren, pensemos se a verdade que tal coñecemento conleva implica un principio de utilidade xeral pro conxunto da cidadanía catalá. Aí lles queda pra que pensen o que queiran e discutan, eu que sei, coa súas sogras, ou cos seus cuñados, con quen lle pete a cerca da utilidade do nacionalismo. 
Pra que non digan que sempre fago de Capitán Araña que  se desembarca unha vez que xa embarcou a toda a tripulación e mesmo á pasaxe, direilles que servidor, así moi nacionalista non o é. Vaia, non o son. Son galeguista; o que ven sendo algo parecido, pero non tanto. Recoñezo que os cataláns teñen todo o dereito á separación, pro non todo o dereito a facelo como lles pete e aínda por riba botando man do seny, coma se iso fose Auga de Lourdes, o Bálsamo de Fierabrás ou cousa semellante, cando do que está dando a impresión de ser eles, élles a Carabina de Ambrosia.
Cando un firma un contrato e quere rompelo, ten que pactar o rompemento ou ter forza abonda pra dicir que vai por tabaco e non vai regresar nunca. Sospeito que ise non sexa o caso, por moi duras que as estean poñendo e por moi indesexables vías que se empeñen en suxerir, tan duras que se diría que o que fan é pedir a berros a presenza de armamento pesado nas súas rúas, a ver se así.
Con todo e con isto e visto o visto, case desaparecido en combate o PSdeG-PSOE (en combate interno, se entende) visto e comprobado que as Mareas, efectivamente, traen de todo e que non todo é de recibo, son dos que boto moi en falta a existencia dun partido nacionalista galego o abondo forte como pra influír na política do país dun xeito, senón determinante, si conducinte a obter "de Madrid" (léase do goberno central, ou do goberno de España, se o prefiren, desa España da que formamos parte sen que se nos note moito) o que sempre se nos foi negado e nunca netamente concedido, ou sexa, a condición de nacionalidade histórica, en pé de igualdade coas outras dúas, chegada a hora do reparto orzamentario, das vantaxes fiscais, do desenvolvemento que nos devolva de contado a capacidade de absorción de emigrantes que, estando  a penas iniciada, nos devolveu de súpeto á condición de país exportador de man de obra, agora de médicos e profesores, de científicos e avogados, de arquitectos e técnicos ou de traballadores moi cualificados. Que ten que pasar pra iso? Quizais a utilización dunha linguaxe acorde cos tempos que vivimos. Os eslogans de campaña, as afirmacións programáticas, as elocuentes e retóricas declaracións de principios non poden ser expresadas hoxe coa linguaxe vixente hai corenta anos... porque xa se viu daquela que axiña marcaban un teito que non foi superado aínda hoxe. Certo que este meu afán pode ser unha intuición, esperemos que ademais poida ser de utilidade.