As linguas son amigas

As linguas son amigas
 

AInternet tráeme en ocasións as viñetas de Davila, compendio e resume de non poucas das nosas actitudes colectivas. Noutras oportunidade son eu quen as busca na seu blogue "O bichero" ou as colecciona nos seis volumes delas que xa leva publicados. Inda non houbo unha que non me fixera sorrir esperanzado, unhas veces, entristecido por volta de noutras en cantidade tamén delas. pero sempre me sorrío e acepto a realidade. Entre a que me acaba de chegar agora e un artigo de Fernanda Tabarés de hai un par de semanas coido que volvo pousar os meus pés a terra pois, créanme, ás veces tendo á levitar.
Hai medio século era eu dos que defendía a obrigatoriedade de que nas consultas médicas e nas salas de audiencias xudiciais fose obrigado o coñecemento do noso idioma máis propio, do galego, posto que era o que a maioría da nosa poboación coñecía e era quen de manexar a eito e a colleito. Hai moitos menos anos, á vista do moito que se espallara o uso do castelán nas capas máis populares da nosa poboación empecei a sospeitar que xa non debera ser así na mesma medida na que o reclamaba antano. Confeso que estaba equivocado. O artigo e maila viñeta citados viñeron sacarme do meu erro.
No artigo de Fernanda recordábase o caso do fiscal que ó lle preguntar ó enxuiciado se coñecía as lindes da súa leira este lle respondeu: "Home, non!" e cando, acto seguido, o interrogou a cerca de se entraba a cotío nas lindes da leira do viciño, contestóulle. "Home, si! que de novo foi mal interpretado.
A recordación de Fernanda Tabarés tróuxome a mín a do médico foráneo que cando lle preguntou ó paciente como estaba iste lle respondeu "a pior non vou" co que deixou sumido na hamletiana dúbida que a nós nunca nos deixaría.
Eiquí seguen pasando cousas. Proben a dicirlle a un de fóra no máis correcto castelán que poidan que "antes de coger al niño en el colo, le hice la perrera, le esmague la comidita que había preparado en la tartera..." e non sigan por aí porque pode que o sue interlocutor acabe medio tolo preguntándose qué centellas é o que lle está diciendo.
A viñeta de Davila presenta a unha vella sentada dediante dun home e máis dunha muller que, sentados da outra banda mesma mesa, viste a branca bata dos médicos. O home pregúntalle á vella "Bueno, cuente señora, que le pasa?" e a señora respóndelle: "... e a quen lle conto a doenza, a vostede ou a intérprete?"
Aínda falando en unicamente castelán é preciso que xuíces e facultativos médicos estean ó tanto dos usos lingüísticos propios de lugar no que exercen utilizados sexan estes nos idiomas que se queiran , canto mías no caso de que non sexa o deles propio. Exemplos como os anteriores, e moitos outros máis, que case que todos vostedes sen dúbida poderían engadir, avalan esta que non é sospeita senón certeza na que todos deberiamos cadrar.
Tan só é cuestión de actitude e de erradicación de prexuízos e dos lugares comúns nos que habitamos dende hai xa demasiado tempo. Nese a cada volta máis entrañable chat que a través do wasap mantemos os que fomos compañeiros de bacharelato no instituto do Posío, hailles de todo: inspectores de facenda, coroneis, arquitectos, empresarios, profesores, capitáns de navío, un feixe de profesións e de principios, de valores e actitudes que non nos impiden o entendemento, as bromas continuas e cheas de ironía, en castelán unas veces, en galego outras, e así imos tirando, divertíndonos e facendo evocacións comúns que uns facemos en galego e en castelán fan outros sen que a ninguén se lle ocorra apoñer nada en contra.
Así foi ata hai unha semana. Un de nós que amasa o seu pan, o deixa que levede, o fornea ben forneado e logo nos ofrece a imaxe do seu forno, do seu pan e do seu gozo, exprésase sempre en galego; pois ben, a evocación do pan cocido nos fornos de antano, máis ou menos semellantes ós de noso compañeiro, fixo vibrar máis dunha conciencia que, sen facer deixación de ningún outro afecto de máis amplo espectro, entendan o que lles digo, o reinstalou no idioma da súa nenez, no recordo do seu avó e dunha lingua que sen dúbida ten instalada no fondo máis cordial da súa alma.
As linguas, por moi compañeiras dun imperio que sexan, tal e como Nebrija deixou establecido que fosen, nunca son inimigas doutras linguas. Son as xentes que, dun lado e outro, as utilizan como armas arreboladizas da súa política en vez de deixalas ser o instrumento de comunicación e de cultura que supoñen. Logo dun par de anos de presenza nun país que non sexa o propio a mínima curiosidade intelectual exixible indica a conveniencia de se instalar na realidade que se habita.
Só a cerrazón mental pode evitar unha actitude de comprensión da realidade na que se leva a cabo a convivencia e mentres, uns e outros, non nos comportemos en sociedade como a maioría nos comportamos nos seos das nosas familias, falando con uns e máis con outros, eiquí non teremos pito que soplar por moito harmoniosamente que o intentemos.