Sen tradición non hai cultura

Sen tradición non hai cultura

Francia é un estado do que o menos que se pode dicir é que se trata dun país fortemente industrializado. Éo. Pero ó tempo tamén é o país europeo cunha maior extensión territorial ocupada por explotacións agrícolas e gandeiras e, pra ver de dicilo todo, O Estado francés, a República Francesa, supera a esa gran nación de cincuenta e dous estados que compoñen os chamados Estados Unidos de América do Norde na recepción de visitantes con gañas de recorrelos en plan turístico. 
Pra rematar: por suposto que supera ó terceiro país neste ranking turístico; ou sexa, que supera a España; dito doutro xeito, que supera ó Reino de España formado que está por corenta e moitos millóns de habitantes. Un reino que pra min, si é certo que os EE.UU son unha nación de estados, compón un estado de nacións... ou unha nación de nacións, como a propia Francia e se a ninguén lle parece mal e tampouco non lle ofende que teña en conta aquela definición que aclara que todo territorio, xeograficamente diferenciado, cuxos habitantes compoñan unha poboación estable e historicamente formada que, a maiores, conte con hábitos psicolóxicos significados, lingua propia, dereito (no noso caso o foral e mailo consuetudinario, por exemplo) amén de usos e costumes distintos dos daqueles outros habidos nos territorios que sinalan as súas lindes, ese territorio e os seus habitantes forman unha nación. Dito e aclarado isto, convén sinalar que o concepto de soberanía non debe (nin pode) ser entendido hoxe ó modo concebido no século XIX, por obsoleto; nin ó vixente no XX, por perigosísimo que resultou; pero sí ó que o XXI nos suxire. Tranquilos, pois, os preocupados: estamos moi ben formando parte desa unidade chamada España sen que pra elo teñamos que deixar de ser quen somos: xente cunha cultura propia que parece indicado manter e conservar na súa maior pureza e integridade. Visto neste segundo parágrafo a que pode conducirnos quizá conveña aclarar o que veu o escrito no primeiro no que se recordou que Francia é un potente país industrial, tamén agrícola e gandeiro, ó tempo que a primeira potencia turística mundial. E imos ó que imos.
Ata mediados do XIX Galicia foi un país industrializado, cuxo índice de analfabetismo entre os varóns era o máis baixo de España; un país que mantivo a súa condición ata que os aranceis que serviron pra potenciar a industria téxtil catalá o deterioraron do xeito que coñecemos e cuxo resultado foi o de que, na segunda metade do XIX e na primeira do XX, Galicia só foi superada por Irlanda no envío de emigrantes a outras latitudes. A España das Autonomías propiciou que no remate do XX Galicia recibise emigrantes e, agora, nestas case dúas décadas xa transcorridas do XXI volvemos emigrar e máis que neste momento non poucos dos nosos emigrantes estean regresando, pero non os altamente cualificados senón os empuxados pola miseria reinante en demasiados países da Ibero América.
Galicia foi sempre un país agrícola e gandeiro, cunha importantísima industria pesqueira e outra non menos importante de construción naval que -ó estar incluído nese Reino de España, o parecer condenado pola Unión Europea a ser un país de servizos e funcionarios, de camareiros e bailaores que se ocupen en entreter ós turistas- corre o perigo de perder as súas tradicións e singularidades, os seus hábitos e costumes, a súa historia e ós seus hábitos, a súa fala e o seu xeito de ocupar o mundo. 
Non é unha broma, nin hai que tomalo como tal, o feito de que sen tradición non hai cultura. A nosa, incluído o legado que significa a nosa fala, é unha tradición rica en expresións de todo tipo. Nin sequera necesitamos ser celtas pra ser diferentes. O noso neolítico e mailo noso megalítico son tan distintos dos demais que, dende entón ata hoxe, abóndanos con sermos galegos para ser alguén e ter voz propia sen ter que botar man nin de celtas, nin de suevos, nin de ninguén. Eiquí o románico, o renacemento, o barroco, mesmo a Ilustración, amosan características propias que enriquecen o acervo común hispano e europeo. Pois ben, todo iso esta correndo un serio perigo de disolución. Nos dous artigos que precederon a este sinalouse o paulatino abandono daquela loita cultural que tanto fixo progresar. Anos houbo nos que en Galicia se produciron máis e mellores películas que por exemplo en Dinamarca, por citar algo que vala pra significar a adaptación da nosa cultura propia ós tempos actuais. Pero hai outros que afirman o mesmo da pintura e da literatura, da escultura e da música, da arquitectura e da moda. Logo hai un parón. Ou seica non?
A culpa non é só do Estado, nin só nosa, nin so da nosa intelectualidade e por suposto que tampouco non é só do goberno galego, o que é tanto como afirmar que tamén o é de todos e de cada un dos citados. Por iso, se queremos seguir falando a nosa fala, ben sexa só en familia e/ou no estrito ámbito da amizade, ben na nosa relación cos centos de millóns falantes luso-brasileiros e se queremos seguir tendo o mesmo humor que temos e non outro, seguir cantando como cantamos, bebendo e comendo como o facemos, relacionándonos cos nosos defuntos como sempre o fixemos, póndolle unha vela a Deus e outra ó demo, etcétera, etcétera, etcétera, vai sendo hora de que cada quen apele á súa conciencia de xeito que, sumadas todas elas, reunamos forza abonda pra rexeitar ise destino que se nos reserva de sermos un país de camareiros e de funcionarios. E a ver se así.