Opinión

Da emigración á "mobilidade exterior"

Na estación de Ourense Empalme, tamén na de San Francisco que daquela aínda funcionaba dándolle un aire de gran cidade á nosa e tan querida, era frecuente a contemplación dos emigrantes que se dirixían a Europa. Tamén ían a Euskadi e a Cataluña, é certo; así que inclúanas en Europa. Élles un falar. As dúas sempre foron privilexiadas polo franquismo non na cuestión cultural, pero si na económica e industrial, na infraestructural e de comunicacións e así nos ía a nós, sempre coa maletiña pendurada dunha man.
Ó principio da miña vida laboral puiden contemplar a emigración transcontinental pois naveguei nun transatlántico que facía a ruta do norte, a que levaba dende Vigo ata México e logo Norteamérica e regreso. No tempo que permanecín no “Covadonga” viñeron centos e centos e máis centos de emigrantes que regresaban. Era impactante, por dicilo con palabras actuais. Sen embargo non o era tanto como as imaxes derivadas da presenza nas estacións que foron citadas hai un chisco. 
E non lles digo nada das que se podían contemplar unha vez desembarcados en centro Europa aqueles que alá se foron traballar. No ano setenta e dous do pasado século vivín unhas semanas en Zurich e constatar na súa estación de ferrocarril o recebemento que se lles dispensaba ós nosos paisanos estremecía. Según baixaban do tren facíanos entrar nun espazos coutados por unhas cordiñas penduradas entre estacas, como as que se lles puñan ós porquiños na feira do quince en Allariz, e alí os tiñan alindándoos como animaliños durante o tempo que considerasen necesario.
Visitar logo ás instalacións nas que habitaban fora das horas de traballo ou os dormitorios compartidos, por exemplo, na Nederdorfstrasse, nos que se alternaban no uso das camas e, cando se erguía dunha delas un matrimonio, axiña era ocupada por outro que regresaba do seu tempo de traballo, sen solución de continuidade, era duro. Máis aínda se dous ou tres matrimonios utilizaban o dormitorio de xeito simultáneo, que é cousa que non se debería esquecer xa nunca máis. Non se di que sempre fose así, pero afirmase que si o foi en moitas circunstancias; en demasiadas oportunidades que convirá non esquecer.
Cando os dormitorios eran colectivos mellor xa nin llos recordo, mellor se non llos describo. Tampouco non sempre eran como algúns que eu vin. Daquela eu xa desembarcara e cambiara o antigo polo funesto rol dun baixel pirata. Quero dicir que de ser un oficial nun transatlántico pasara a ser chupatintas nun banco e que tal circunstancia me levara senón a chupar tinta nunha sucursal bancaria si a lle chuchar os aforros ós nosos traballadores no estranxeiro. Sei pois do que estou a falar hoxe con vostedes. Logo viñan, non os bancarios, é dicir, os traballadores, pero si os banqueiros e, os cariños aforrados, eran levados pra investir en Cataluña e máis Euskadi con total e absoluta tranquilidade. 
Daqueles tempos e daquelas realidades viñeron días, finalizados non hai moito, nos que a nosa terra comezou a recibir emigrantes dos que os máis deles, ó día de hoxe e pouco e pouco, foron regresando ós seus lugares de orixe unha vez que viron rematados os nosos tempos das vacas gordas. Mentres eses tempos duraron, os nosos fillos foron educados nas nosas universidades acadando titulacións valiosas e coñecementos importantes; non todos, claro, pero si moitos deles. Todo sucedeu de xeito que ó par que se ían marchando os emigrantes regresando ós seus países ou buscando outros que padeceran menos a crise que aquí, digan o que digan, aínda nos dura malia que si, malia que se vaia notando melloría, os nosos fillos, tiveron que acompañalos no novo éxodo. Mobilidade exterior, así é como bautizaron a nova realidade. Tamén sei do que falo neste caso. Téñolles unha filla en Madrid, outra en París e outra en Caracas. 
O curioso de todo isto que recordo, aportándolles a miña experiencia propia e facendo rebrotar algunhas das de vostedes que permaneceran durmidas, é o desleixamento co que estamos a acoller o éxodo masivo que a instancias da realidade que, por exemplo, están vivindo os sirios a impulsos dos chamado Estado Islámico.
Nestes momentos tiña que haber xa non unha reacción dos nosos gobernantes, que tamén, senón das nosas cámaras de representación parlamentarias que tivesen elaboradas unha serie de normas coas que a nosa sociedade se puidese conducir ante a nova realidade. É importante, claro que o é, a resposta individualizada. Pero é de temer que non sexa abondo con ela. Por iso conviría unha norma xeral á que se acoller pra non seguir andando ás atoutadas e, de paso, poder distinguir entre os que veñen fuxindo dunha realidade política represiva, os que o fan deixando atrás unha realidade económica opresiva, os que abandonan unha realidade social insufrible e mesmo os que aproveitan a marea con fins que merecen un tratamento menos humanitario que os que necesariamente lles deberemos ofrecer ós anteriores. As mareas, o estamos vendo, sempre adoitan traer de todo. 
Por iso, mentres todo iso non chega, non está de máis que todos volvamos a vista atrás e recordemos aqueles anos, as penalidades que viviron os nosos emigrantes, pensemos as que poden estar pasando os que agora desfrutan desa puñeteira mobilidade exterior, pensemos nos nosos fillos, e acollamos en virtude de todo elo ós que chegan onda nós buscando paz e tranquilidade, seguridade e sosego.
 

Te puede interesar