última actualización: 05:53
Co gallo do Día das Letras Galegas, o Museo Municipal de Quiñones de León salda unha débeda histórica coa figura de Xosé María Álvarez Blázquez. Así, dende onte exponse nas instalacións de Castrelos unha mostra sobre a súa faceta como arqueólogo e sobre os xacementos nos que estivo implicado.
Como non podía ser doutro xeito, a inauguración da exposición ‘Xosé María Alvárez Blázquez. Arqueólogo de Vigo’ na que foi a súa segunda casa, o Museo Municipal de Quiñones de León, contou coa presenza de parte dos seus fillos, que asistiron orgullosos a mostra comisariada por Pilar Barciela. Para Alfonso Álvarez Cáccamo ‘é un acto de xustiza, unha obriga coa figura do noso pai’. A súa irmá Elena asegurou ‘estar moi emocionada, así como agradecida a Pilar polo cariño co que tratou todo o seu traballo’. Por último, a benxamina da familia, Berta, valorou moi positivamente tódalas iniciativas que se están levando a termo para recuperar á figura de Álvarez Blázquez, pero ‘esta exposición é especialmente importante, xa que está feita dende o punto de vista da investigación, polo que expresa o verdadeiro valor do legado deixado polo noso pai’. A cerimonia de inauguración foi presentada polo director do Museo de Castrelos, José Ballesta, que estivo acompañado, ademais de polos descendentes de Álvarez Blázquez, polas concelleiras Elena Maure e María Méndez. Como voceiro da familia, Alfonso Álvarez expresou a súa familiaridade cos achádegos que se mostran na exposición, ao tempo que contou as anécdotas da súa infancia, das excursións aos xacementos que facía co seu pai e os arqueólogos e persoeiros do mundo da Cultura que coñeceu. ‘Cando era pequeno, na escola dábanme moita envexa os outros nenos, xa que tiñan unha aldea á que ían os fins de semana, e eu non. Para compensar, contaba as historias das saídas arqueolóxicas, que nos introduciron no mundo máxico da terra sililata’, recordou Cáccamo. Pola súa banda, a comisaria Pilar Barciela recoñeceu esta mostra como unha débeda histórica, ‘xa que a Álvarez Blázquez lle debemos a creación da sala de arqueoloxía en Vigo. Esta mostra é diferente, expóñense as pezas de maior valor, senon as máis significativas, algunhas do revés para amosar a etiqueta posta por Xosé María’, afirmou Barciela, quen destaca do homenaxeado a súa xenerosidade.