Sábado 25 de mayo de 2013
última actualización: 06:00
última actualización: 06:00
Última hora:
A Illa de San Simón convertirase durante dous días, o 7 e 8 de marzo, no centro de debate e reflexión sobre a comunicación e as redes sociais. O encontro #NeThinking reunirá na Illa do Pensamento, neste arquipélago da Ría de Vigo, a un grupo de destacados comunicadores e expertos en redes sociais que son referentes no panorama nacional pola notoriedade das súas bitácoras persoais, pola súa actividade en redes como Twitter ou Facebook e pola súa experiencia en contidos multimedia.

Trátase da segunda edición dun foro que non só acadou unha gran notoriedade na web e concretamente en redes sociais, o seu medio natural dada a temática, senón que propiciou un logro aínda máis importante: xerou boas ideas en sesións dinámicas grazas á achega dun grupo cohesionado e
versátil que volverá á illa nesta nova entrega, á que se sumarán destacadas incorporacións.
Chámense foro de reflexión, xornadas de debate ou charlas-coloquio, #NeThinking abrirá de novo durante dous días a Illa do Pensamento, non só a nivel físico senón tamén virtual, para conversar sobre os nosos modos de comunicar na era da internet, analizar o presente e tratar de intuír que é o que nos deparará o futuro nesta permanente revolución.
O encontro non contará con público presente, pero poderá ser seguido por streaming e por Twitter. Baixo a etiqueta #NeThinking poderanse enviar preguntas aos participantes, entre os que se encontran nomes tan salientables como Mario Tascón, Javier Celaya ou Marilin Gonzalo. Mesmo se espera contar, aínda que sexa de xeito virtual, coa laureada blogueira cubana Yoani Sánchez, autora do blog Generación Y, que está considerado como un dos 25 mellores do mundo.
OBXECTIVOS
Ata hai poucos anos, podería dicirse que onte mesmo, os medios de comunicación convencionais eran as únicas canles dispoñibles para saber que era o que pasaba no mundo. Nese xogo, no que participaban a actualidade, as fontes de información, os informadores e os receptores, nun modelo de comunicación lineal, todos os paneis estaban adxudicados de antemán. Pero chegou internet e con ela a revolución, dando lugar ao que se denominou como a 'netcomunicación'.