A segunda edición deste congreso celebrarase o 7 e 8 de marzo e poderá ser seguida por Twitter e streaming

San Simón, centro do debate sobre a comunicación 2.0 con '#NeThinking'

O antigo lazareto de San Simón é hoxe un complexo para o debate e a reflexión. (Foto: VICENTE ALONSO)
A Illa de San Simón convertirase durante dous días, o 7 e 8 de marzo, no centro de debate e reflexión sobre a comunicación e as redes sociais. O encontro #NeThinking reunirá na Illa do Pensamento, neste arquipélago da Ría de Vigo, a un grupo de destacados comunicadores e expertos en redes sociais que son referentes no panorama nacional pola notoriedade das súas bitácoras persoais, pola súa actividade en redes como Twitter ou Facebook e pola súa experiencia en contidos multimedia.
Trátase da segunda edición dun foro que non só acadou unha gran notoriedade na web e concretamente en redes sociais, o seu medio natural dada a temática, senón que propiciou un logro aínda máis importante: xerou boas ideas en sesións dinámicas grazas á achega dun grupo cohesionado e

versátil que volverá á illa nesta nova entrega, á que se sumarán destacadas incorporacións.

Chámense foro de reflexión, xornadas de debate ou charlas-coloquio, #NeThinking abrirá de novo durante dous días a Illa do Pensamento, non só a nivel físico senón tamén virtual, para conversar sobre os nosos modos de comunicar na era da internet, analizar o presente e tratar de intuír que é o que nos deparará o futuro nesta permanente revolución.

O encontro non contará con público presente, pero poderá ser seguido por streaming e por Twitter. Baixo a etiqueta #NeThinking poderanse enviar preguntas aos participantes, entre os que se encontran nomes tan salientables como Mario Tascón, Javier Celaya ou Marilin Gonzalo. Mesmo se espera contar, aínda que sexa de xeito virtual, coa laureada blogueira cubana Yoani Sánchez, autora do blog Generación Y, que está considerado como un dos 25 mellores do mundo.


OBXECTIVOS

Ata hai poucos anos, podería dicirse que onte mesmo, os medios de comunicación convencionais eran as únicas canles dispoñibles para saber que era o que pasaba no mundo. Nese xogo, no que participaban a actualidade, as fontes de información, os informadores e os receptores, nun modelo de comunicación lineal, todos os paneis estaban adxudicados de antemán. Pero chegou internet e con ela a revolución, dando lugar ao que se denominou como a 'netcomunicación'.

A proliferación dos blogs, as redes sociais, o xornalismo dixital... O novo escenario que propiciou a rede 2.0 precipitou un intercambio de papeis que abriu infinitas posibilidades de mutación dos roles que antes permanecían inalterables. Hoxe o receptor pode converterse en fonte, o emisor en receptor, a noticia en suxeito pasivo e así ata establecer decenas de combinacións que non só se cinguen ao xornalismo.

O mundo do espectáculo, a industria do entretemento, a publicidade, as relacións públicas, o management e mesmo as campañas políticas veñen condicionados hoxe en día, para ben ou para mal, polas ferramentas dispoñibles na rede. Internet perfílase como unha gran oportunidade, pero tamén como unha ameaza para os que non sexan capaces de modificar as súas estratexias de comunicación: a potencia para a difusión inmediata de información en tempo real a millóns de usuarios.

Estes son algúns dos temas que se exporán neste encontro, ao que se incorporará o novo modo de facer, de pensar e de entender a comunicación que supuxo a rede ao centro de debate, reflexión e creatividade que é a Illa do Pensamento. Deste xeito, este arquipélago da Ría de Vigo resulta o mellor escenario, como terra de trobadores, para recoller a testemuña deixada polos xograres do Medievo, que buscaban en San Simón a súa inspiración e desde alí transmitiron ao mundo a súa obra grazas á tradición oral, a primeira rede de comunicación da historia.

Te puede interesar