terceira división

Pablo Couñago ficha polo Choco e realiza unha charla cos nenos

Pablo Couñago, cos cativos presentes no campus do Choco.
photo_camera Pablo Couñago, cos cativos presentes no campus do Choco.

 O Choco anunciou onte a chegada ó equipo do dianteiro Pablo Couñago que, a punto de cumprir 38 anos, opta por continuar en activo no equipo do seu lugar de nacemento e residencia.
Couñago comezou no fútbol no Casa Paco para despois incorporarse á canteira do Celta e chegar ó primeiro equipo. Nesta etapa foi un habitual das categorías inferiores da selección española ata obter o título do Campionato do Mundo sub-20 de fútbol, no que rematou como máximo goleador.
Posteriormente tivo unha longa traxectoria no fútbol inglés e español, ademais de estar en China ou Finlandia nos últimos anos. Couñago xa estivo no Choco na tempada de regreso a Terceira División, na que realizou unha gran actuación, e a última tempada militou no Alondras, club ó que chegou da man de Jacobo Montes, adestrador de Redondela e amigo íntimo de Couñago. 
Agora, a piques de cumprir 38 anos, regresa ó club da súa localidade natal e onte foi presentado cunha pequena charla ós cativos presentes no campus de verán da entidade de Redondela. 
O dianteiro compartiu a súa experiencia cos máis pequenos, que realizaron todo tipo de preguntas e quixeron coñecer os mellores momentos do xogador, tamén os futbolistas cos que compartiu equipo, pero tamén dúbidas de como rematar a portería para marcar máis goles. 
Couñago comezará mañá a pretempada co Choco e, se os problemas físicos o permiten, será un futbolista con minutos e importante para Marcos Montes.

Te puede interesar