Novos equipos de robótica educativa para os centros da ESO en Galicia

Destaca a aposta da Xunta polo fomento das competencias científicas e tecnolóxicas entre o alumnado.
photo_camera Destaca a aposta da Xunta polo fomento das competencias científicas e tecnolóxicas entre o alumnado.

Os kits, compostos de seis robots que permiten unha ampla gama de funcións, son unha ferramenta imprescindible de apoio á docencia naquelas materias vinculadas ao ámbito tecnolóxico, aínda que tamén permite un traballo integrado e interdisciplinar.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, achegouse ao IES Pontepedriña, en Santiago, para coñecer de primeira man a posta en marcha do novo equipamento de robótica educativa co que a Consellería de Cultura e Educación dota a todos os Institutos de Ensinanza Secundaria de Galicia.  Estes equipos son unhas ferramentas de apoio á docencia para impartir coñecementos e traballar desde unha perspectiva integrada e interdisciplinar, non só desde o ámbito tecnolóxico, senón que abrangue materias como as matemáticas, física, química, ou as materias de libre configuración autonómica propostas pola Xunta ao abeiro da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). 
Este é o caso das materias  de Programación (para alumnos de ESO), e Robótica (para os de Bacharelato), que se impartiron por primeira vez no pasado curso 2015/16 e que neste curso experimentaron un notable interese por parte tanto dos centros coma dos alumnos. De feito, este curso elévanse a 132 os centros que ofertan Programación (o ano pasado foron 50) cuns 4.200 alumnos matriculados;  e 92 os que ofertan Robótica (26 o pasado curso), cuns 570 matriculados actualmente.
Segundo explicou o conselleiro Román Rodríguez, estes kits forman parte da dotación de material educativo co que se pretende completar a aposta da Administración galega polo fomento das competencias científicas e tecnolóxicas, e polas vocacións STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) dos alumnos. O fin último -segundo subliñou o conselleiro- é que os rapaces dispoñan das competencias e habilidades suficientes para desenvolverse no mundo tecnolóxico e dixital actual como cidadáns responsables e activos. 
Ademais, este mesmo trimestre, a Consellería pon en marcha un plan de formación específico en Robótica dirixido ao profesorado vinculado ás ensinanzas tecnolóxicas para, deste xeito, reforzar os seus coñecementos nesta materia. 
Ao longo do mes de outubro vanse distribuír en todos os IES e CPIs de Galicia un total de 347 equipos de Robótica Educativa compostos por seis robots que permiten unha ampla gama de funcións, desde distintas montaxes ata a programación. Ademais contan con software de programación e control totalmente aberto e que permite o control do robot desde dispositivos móbiles tipo tabletas e teléfonos móbiles. 
A maiores deste material que se está comezando a distribuír, a consellería está ultimando a adquisición de kits de placas de Comunicación e Programación, e dos equipos de impresión 3D, todos eles coa finalidade de dotar axeitadamente aos centros educativos.
 dos medios materiais necesarios para impartir unha docencia de calidade e axustada ás novas demandas e necesidades nunha contorna tecnolóxica, todo elo cun investimento que supera o medio millón de euros. 
 
 

Te puede interesar