copa da raíña

Un inferno abafante e heroico

Estela Doiro e Marisol Carratú celebran a clasificación do Mecalia Guardés para a fase final da Copa da Raíña.
photo_camera Estela Doiro e Marisol Carratú celebran a clasificación do Mecalia Guardés para a fase final da Copa da Raíña.

O Guardés tardou 34 minutos en recuperar oito goles ante o Granollers, gañou por trece e meteuse na fase final

A Sangriña foi onte un inferno, probablemente non foi o día de máis temperatura, pero si o de maior queima para un rival. José Ignacio Prades deseñou un partido para a heroicidade. Defensa ó limite, ataque á velocidade da luz e moito ritmo en todas as partes do campo. Unha cousa é xogar con intensidade e outra saír á pista do xeito que o fixo onte o equipo do Baixo Miño. En trinta e catro minutos, a formación da Guarda xa tiña neutralizados os oito goles polos que perdeu no encontro do pasado sábado ante un rival que non estaba no partido. A intención era xogar longo, evitar perdas e deixar pasar o tempo. O resultado foi que o equipo catalán xogou mal e a un ritmo baixo, sen rumbo. 
Prades situou a Grabriela Romero -probablemente a xogadora con menos minutos na tempada- nun 5.1 na liña de nove metros. A brasileira tiña que evitar calquera conexión con Gassama no pivote e, ademais, tocar -eufemismo de parar a calquera prezo- a toda xogadora da primeira liña rival que tentase penetrar por alí. Así o fixo Romero durante vinte minutos ata quedar desfondada, pero o traballo defensivo estaba feito. O Granollers xa perdía de seis porque, diante doutro área, na parte ofensiva, o preparador deixou de experimentos e optou por dar o timón do equipo a unha Estela Doiro que, ademais, tiña a orde de xogar á maior velocidade posible. E así, con esa liberdade, os balón voaba entre as xogadoras da primeira liña. Se no encontro de ida Carmen Prelchi e Gassama neutralizaron case todo o ataque guardés, onte chegaban tarde a todas as axudas e movementos ofensivos. Recital no posto de central nun enfrontamento a toda velocidade. 
Pasado o ecuador da primeira metade, Prades incrementou a aposta cando a renda xa estaba polos tres e catro goles. Introduciu a Espiñeira e mandou a Doiro ó lateral para dar descanso a unha Inés Hernández que tapaba a Gassama no centro da defensa. O Granollers parou o partido, fixo algunhas cousas ben -non moitas-, pero nunca chegou a estar no partido. Ós descanso chegouse con 13-7 e poucas dúbidas de que a formación local ía levantar a eliminatoria. Así sucedeu. Estela Carrera, na portería local, tamén axudou cunha actuación sobresaínte, a que botou en falta o seu equipo na ida. 
Apareceu algo de incertidume coa exclusión na reanudación de Inés Hernández, que se marchou cando o Guardés empatou a eliminatoria en inferioridade. 34 minutos para remontar. O Granollers queimouse no inferno da Sangriña. Ten calidade e, onte, demasiada mocidade. 

Posibles rivais
Ademais do Guardés e do Porriño pasaron á fase final da Copa Bera Bera, Valencia, Mavi e Valladolid. Súmanse a Málaga e Rocasa.

Mecalia Atlético Guardés: 
Estela Carrera, Ana Rodrigues, Estela Doiro (5), Egozkue (7), Espiñeira (3), Carla Gómez, Jenni Gutiérrez (4), Inés Hernández, Kurchankova (5), Méndez, Mendoza, Sempre (7), Urban (2), Castell, Carratú (p.s.).
Granollers: 
Nicole Morales, Vizuete (3), Kaba Gassama (1), Matthijs (5), Torras (1), Sarandeva (2), Monros, Vegué, Miriam González (3), Rojas (4), Elene Vázquez, Ballesteros, Prelchi (1), De la Torre (p.s).
Parciais: 
2-2, 4-3, 6-4, 8-6, 10-7, 13-7 (desc.), 17-10, 20-10, 24-12, 26-16, 29-17, 33-20. 
Árbitros: 
Excluiron con dous minutos a Sempere, Inés Hernández (2), Jenni Gutiérrez, Espiñeira; Rojas, Prelchi, Gassama, Vizuete e Matthijs.

Te puede interesar