Formación para atender a alumnos con enfermidade crónica

Formación para atender a alumnos con enfermidade crónica
photo_camera Formación para atender a alumnos con enfermidade crónica

Un total de 150 docentes de máis de un centenar de centros educativos galegos de Educación Infantil, Educación Primaria e Secundaria están recibindo clases específicas de profesionais do SERGAS e da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias.
 

Un total de 150 docentes de máis de un centenar de centros educativos de Educación Infantil, Educación Primaria e Secundaria están recibindo formación específica para atender aos estudantes con enfermidade crónica, con motivo da I Xornada de Atención e Apoio ao Alumnado con este tipo de doenzas. Neste sentido diversos profesionais do SERGAS e da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias-061 explicaranlles aos profesores participantes os coñecementos básicos para facilitar a primeira asistencia sanitaria en caso de emerxencia nos centros educativos, así como o protocolo de actuación ante alumnado con enfermidade crónica.
En concreto, os diferentes relatorios versaron sobre a responsabilidade comunitaria compartida na atención pediátrica integral, a abordaxe de situacións ordinarias e extraordinarias do alumnado con diabete, crises convulsivas ou alerxias graves, a xestión das chamadas aos servizos de emerxencia ou a utilización dos elementos que conforman a caixa de urxencias básica escolar, ademais do apoio psicolóxico en situacións de extremo dramatismo ou catástrofe.
A organización desta xornada xorde a raíz da elaboración e posta a disposición da comunidade educativa do protocolo de atención educativa en urxencias sanitarias e enfermidade crónica, publicado o ano pasado e difundido co gallo do Día Internacional da Diabete, dentro da Estratexia Galega de Convivencia Escolar (educonvives.gal). Trátase dun documento de traballo co que, ademais de servir de guía para o profesorado nesta materia, tamén favorece a inclusión e normalidade do alumnado con estas doenzas.
Caixa de urxencias básica
Ademais de aprender os métodos e nocións básicas de atención sanitaria nas casuísticas máis frecuentes, todos os centros participantes nesta xornada recibiron unha caixa de urxencias básica para facilitar a atención nas incidencias menores que cada día se producen en calquera centro educativo. Cómpre destacar que esta acción se enmarca na estreita colaboración que a Consellería de Cultura e Educación mantén co departamento de Sanidade en materia de promoción da saúde e formación da comunidade educativa galega. Ademais de participar na redacción do protocolo e as súas addendas, ambos departamentos asinaron un convenio de colaboración para a formación en primeiros auxilios, soporte vital básico e desfibrilación semiautomática do profesorado galego. Así, ao longo deste primeiro trimestre todos os centros de formación e recursos da Rede de Formación van acoller cursos de atención en urxencias sanitarias da man de profesionais da Fundación 061, de carácter eminentemente práctico.
 E unha vez os docentes estean acreditados, establecerase un calendario de formación do alumnado de ESO, favorecendo así a transmisión de coñecementos en cascada.
 

Te puede interesar