A Festa do Millo Corvo será o sábado e domingo

A aldea buenense de Meiro, situada entre as vilas de Cangas e Bueu pola estrada PO-551, celebrará o sábado e o domingo o 'XIII Encontro Degustación do Millo Corvo', unha festa arredor de saborosos produtos elaborados con fariña dese gran negro, que terá o domingo, ás doce e media, de pregoeira á escritora e mestra, Fina Casalderrey.

Festa e degustación xa haberá o sábado, dende as seis da tarde, hora na que abrirá a Ecotaberna. Despois, dende as oito, actuarán a Escola de Pandeireta da Asociación de Veciños O Progreso, de Beluso, 'Os do Serán', de Vilanova, e 'Os do Canastro'.
En canto ao domingo, dende as once haberá visitas aos muíños guiadas pola bióloga Sara González, abrirán as carpas de degustación e artesanía, e despois do pregón actuarán as pandereteiras de Tarambainas.
Os nenos pola tarde terán obradoiros ás cinco, haberá charla gastronómica para maiores a cargo de Xavier Castro, e para pór fin á festa de 2011 tocarán 'Os Alegres da Buraca'.

Te puede interesar