balonmán

Estela Doiro e a defensa meten ó Guardés na liga

A defensa do Guardés trata de parar a conexión con Haridian Rodríguez, que anotou 10 goles.
photo_camera A defensa do Guardés trata de parar a conexión con Haridian Rodríguez, que anotou 10 goles.

O equipo do Baixo Miño supera ó líder, o Rocasa, para situarse a dous puntos

Xogadora de referencia, faro, capitá e guía. Estela Doiro mancouse ó inicio da tempada, precisamente ante o Rocasa Gran Canaria na Supercopa, nunha derrota dura. Volveu onte, tras o paro de Nadal, e exerceu de líder do Mecalia Atlético Guardés para superar ó líder da División de Honra e devolver a esperanza á formación do Baixo Miño. Está a dous puntos do seu rival de onte, pero, sobre todo, é unha vitoria para volver a crer en que pode revalidar o título de liga. 
Doiro é nada na Guarda, aprendeu a xogar na Sangriña, pasou polo Porriño e volveu como unha das mellores xogadoras da División de Honra para facer ó seu equipo de sempre campión. Máis alá da calidade, indiscutible, parece exercer de líder coa camisola guardesa posta. Onte, coa notable baixa da súa compañeira de posición, Anthía Espiñeira, o equipo de José Ignacio Prades necesitaba á capitá no seu regreso. Primeiro partido do curso en liga e recital de balonmán dende o centro de ataque. Movemento, fluidez, cruces, velocidade, ritmo...
Especialmente efectivo foi o ataque local no inicio da segunda metade, cando rachou un partido equilibrado durante todo o primeiro acto. Mellor saída e vantaxes curtas do Rocasa antes do descanso. Con ritmo baixo, con moita defensa e máis contraataques do Guardés que do equipo canario, o encontro chegou igualado ó inicio do segundo acto (11-11). Tras pasar polos vestiarios, foi cando trocou o encontro. Doiro meteu ritmo e as xogadoras de Prades axustaron un pouco máis a defensa con Inés Hernández, Ana Cerqueira no centro, escoltadas por Sempere e Egozkue. Coa baixa de Lusson, as locais trataron de limitar o lanzamento de Mbengue e o parcial 5-1 rachou o marcador ata o 17-12. 
Resultou fundamental para decantar o enfrontamento porque, a partir de aí, foi unha loita continua do Rocasa por estreitar o marcador e do Mecalia Guardés por asegurar a vitoria. Existiu algún momento de suspense, pero nas accións complicadas mantivo Doiro unha cabeza prodixiosa na dirección do equipo con ideas claras, alternativas, seguridade e velocidade. Sempre un paso por diante da defensa opoñente. Tamén chegaron goles chave, como un de Inés con pouco ángulo e outro de Carla Gómez sobre o pasivo. 
Xa eran os minutos quentes, onte o Rocasa non tiña marxe de erro e fallou con algunha perda de balón en superioridade. A que apenas cometeu fallos foi a exguardesa Haridian Rodríguez, que asinou 10 goles ó seu exequipo. Se o Rocasa chegou con opcións ó treito final foi, en gran medida, polo seu partido. 
Resolveu o Guardés, que tiña o día acertado atrás e adiante para poñerse a dous puntos da formación canaria, aínda líder. O campión quere manter o título ó rematar a tempada.

Mecalia Guardés:
Sol Carratú (p), Ana Cerqueira, Sempere (7), Egozkue (3), Doiro (4), Inés Hernández (2), Méndez, Mendoza (4), Kurchankova, Carrera (p), Castell (2), Jenni Gutiérrez (2), Gabriela Romero, Urban, Carla Gómez (2). 
Rocasa Gran Canaria:
Silvia Navarro (p), Falcón (2), Pizzo (2), Ferreira Priolli, Toscano, Mbengue (5), Haridian Rodríguez (10), Schuster (2), Trajaola, Marta González, Arinegua, Dara Hernández (p). 
Parciales:
2-2, 2-5, 5-7, 8-9, 11-10, 11-11 (desc.), 13-11, 16-12, 18-16, 20-17, 21-17, 26-21. 
Árbitros:
Merino Mori e Moyano Prieto. Excluiron a Ana Cerqueira, Egozkue (2), Inés Hernández; Ferreira Priolli e María González (2). 
Incidencias:
Partido correspondente á undéxima xornada na División de Honra. 

Te puede interesar