Deportes

Dobre parella de ouro

Iván Alonso Lage e Emilio Merchán celebran o Campionato de Europa logrado onte.
photo_camera Iván Alonso Lage e Emilio Merchán celebran o Campionato de Europa logrado onte.

Iván Alonso xunto a Emilio Merchán en K-2, e Ramón Ferro con Óscar Graña (C-2) conquistaron onte o Campionato de Europa 

O Kayak Tudense viviu onte unha xornada de ledicia ó conquistar tres dos seus deportistas a medalla de ouro no Campionato de Europa de piragüismo na modalidade de maratón.
Iván Alonso Lage, que na xornada do sábado lograron o segundo posto tras rematar como gañador e ser sancionado, onte recolleu a medalla de ouro acompañado de Emilio Merchán. Esta parella defendía o título conquerido en 2013 en Portugal e tiveron que sufrir para poder revalidalo, xa que a outra parella española, formada por Walter Bouzán e o pontevedrés Álvaro Fernández Fiuza, plantoulle oposición durante toda a proba para disputarse o título no esprint final. Medio segundo separaron ós dous barcos españois na chegada, con representación galega en cada un deles. O caixón o completaron os británicos Andrew Daniels e Timothy Pendle. 
Na modalidade de canoa (C-2), a parella galega do Kayak Tudense Ramón Ferro e Óscar Graña revalidaron o seu título Europeo, neste caso, con moita claridade. Os galegos tiveron a oposición ó longo de tres voltas da embarcación de Ucraína formada por Levchenko e Shapoval, pero antes de chegar ó ecuador da competición, Graña e Ferro quedáronse en solitario para cruzar a liña de chegada con 46 segundos de vantaxe. Unha mostra clara da súa superioridade. O terceiro posto foi para os polacos Bartosz e Zuchura. 
A segunda embarcación española presente na proba estivo formada polo galego Jacobo Domínguez e o balear Alán Ávila, que finalizaron na quinta posición. 
Na categoría sénior, o piragüismo galego pecha o Europeo de maratón con cinco medallas.

Te puede interesar