Opinión

Con que xentiña anda un ó mar!

Xa estamos! Polo visto non temos remedio. Somos pequenos e non damos a talla. Quizais por iso é doado que anden a volver os tempos de Etcétera, senón hano ver. Cando comezou isto das autonomías -que agora e aproveitando que o Miño pasa por Ourense, e que vai seco, algúns comezan a cuestionar- cando comezaron os esperanzados tempos da chamada Transición, cada vez que a xente tiña que se referir ás chamadas nacionalidades históricas -nacións españolas, din outros, e algunha razón non lles falta- adoitaban dicilo do seguinte xeito que, con algún rubor, cun rubor que non nego, lles transcribo de contado, a saber: Cataluña, Euskadi, etcétera... Etcétera erámoslle nós, os desta esquina antano verde que a lírica do momento -do momento da miña nenez, claro- denominaba a "A Suíza española"- Ouh, qué tempos!
Pois ben, eses tempos, ameazan con volver. Xa verán como se dunha bendita vez comeza o ineludible diálogo que ten que comezar se o dos infaustos cataláns é certo que leva visos de se endereitar, seica; tan axiña como se fale de Cataluña e Euzkadi de contado aparecerá Etcétera e dificilmente pasaremos de aí a non ser que, de novo, nos botemos á rúa coma cando o fixemos por conta do que, no seu momento, chamamos "agravio comparativo" cando o ínclito Alfonso Guerra, asistido por Abril Martorell, tiña decidido que nos quedaramos nun estadio inferior, dada a nosa pequenez e os poucos votos que sumamos. Daquela Paco Vázquez, sí, Paco Vázquez, e máis Ceferino Díaz, sí Ceferino Díaz, por ese orde, xogáronlla ben xogada. Outro día cóntollo... por se non o teño contado xa e lles interesa algo.
O caso ó que eu ía é o de que seguimos sendo pequenos. Non hai aínda unha semana, pois foi venres pasado, lin nun xornal, dun xornal que sigo levando na cavidade cordial, malia que a súa situación actual me irrite as anxinas cerebrais, que xa estaba armada no seo da RAG por conta da posible candidatura dunha profesora universitaria pra ocupar a cadeira que a morte da chorada Xohana Torres deixou vacante. Ó dela enfrontábanselle outra serie de nomes, de indubidable singularidade intelectual e creativa todos eles, sinalando unicamente que o dela estaba maritalmente relacionado co dun membro pertencente xa á nómina dos académicos da RAG.
Facelo así é dar, de novo, de novo e unha vez máis, idea da cativeza intelectual coa que con moitas máis frecuencia da desexable nos movemos por este pequeno, e verde, e triste país que tan a miúdo nos ofrece esa desolada paisaxe que padecemos. En ningún momento foron citados nin os méritos que a posible candidata ostenta nin os deméritos que a sinalan. Tan só que o seu home ven sendo xa académico, o que é tanto como dicir que tal condición a inhabilita a ela de por vida pra acadar unha cadeira académica por moito ca mereza. a non ser que enviúve... e aínda así. Con que xentiña anda un ó mar!
Sen dúbida algunha que na RAG, coma no seu momento no Kremlin, e aínda hoxe na curia vaticana, éntrase por cooptación dos seus membros principais. Están no seu dereito e ben está que o exerzan. Pero algunha cousa convén dicir pra que a teñamos en conta pois a RAG non é só dos seus académicos, que tamén, senón do conxunto do pobo de Galicia. Así que aí vai. 
Primeiro, a noticia esta inducida dende o seo da propia RAG; tradución, trátase do intento, desexablemente vano, de pinchar un globo. Xa que logo é unha vulgar manipulación, unha intoxicación das moitas que levan xurdido dende tan ilustrado entorno. Esa cooptación debera ter algo máis en conta os méritos académicos e persoais, o posible labor a desenvolver no seo da Academia de calquera posible candidatura e non as relacións persoais ou as simpatías que esperten cada un dos candidatos porque só así, comezando por nos respectar a nós mesmos, acadaremos a facer que nos respecten os demais e os tempos de Etcétera poderán ser algún día superados.
Hai anos, moitos, sentados os dous nunha terraza de Bertamiráns, comentáballe eu a unha insigne crítica literaria galega o despropósito do exiguo e despectivo tratamento que lle aplicaba nun seu escrito a un determinado escritor, tamén galego, e máis o pouco crédito académico que lle merecía a profesores universitarios de por aí adiante que sí valoraban a obra do deostado escritor. A súa xustificación ó tratamento deixoume arrepiado: Tes que comprender, argumentoume literalmente, que nos ambientes nos que eu me movo falar ben del está moi mal visto. Como dicía o Carlos Casares que dicía o Ernest Hemingway, "es coghones la cosa!".
Mal segue "a cousa" cando a invalidación dunha candidatura que aínda non se produciu está tan mal vista nalgún sector da Real Academia Galega como pra provocar unha reacción tan pouco académica, tan escasamente racional, tan chea de acusacións implícitas e explícitas, tan escasa de contidos e plea de adoctrinamento e frases feitas. Probe de Madame Curie como a tivesen collido entre os seus dedos xentes de idéntica condición á destes preclaros membros de tan alta e preclara institución, filtradores de noticias que aínda non se produciron, savonarolas pequeniños, pequenos cans de presa das súas propias frustracións aínda que con dentes afiados.

Te puede interesar