traiñeiras

A clasificación manda moito

Os remeiros de Urdaibai celebran a vitoria na regata de onte en augas de Hondarribia.
photo_camera Os remeiros de Urdaibai celebran a vitoria na regata de onte en augas de Hondarribia.

Urdaibai gaña en Hondarribia por un segundo de renda a traiñeira local con Tirán Pereira na sétima posición 

Emoción na chegada, ondas pequenas, algo de vento e un peirao completamente ateigado de xente como é costume en Hondarribia. A tripulación local buscaba unha nova vitoria e apretar a clasificación xeral ante unha Urdaibai que manda este ano con autoridade na ACT e que onte gañou na casa do seu rival, aínda que por estreito marxe. Pola súa banda, Tirán Pereira asinou unha sétima posición con susto. 
José Ángel Cambados 'Truco' optou onte por unha tripulación que podería ser titular por nomes, pero con trocos de posicións para buscar atopar esa combinación perfecta dentro da "Mar do Con". O resultado das modificacións non foi satisfactorio nin tampouco para enviar a regata ó lixo. Ó final da proba, a "Mar do Con" asinou a mesma praza que ocupa na xeral, a sétima. Cuestión de metade da táboa, hoxe pódense adiviñar cambios na tripulación na cita de Ondarroa (12:00, TVG2). 
A embarcación moañesa vogou na quenda intermedia con Zierbena e San Juan, coas que adoita loitar pola posición, e Ondarroa, que xa está un chanzo por debaixo. Os remeiros do Con mantiveron case ó par do barco de Pasaia e do adestrado polo vigués Juan Zunzunegui, que marcou o ritmo. 
Na primeira baliza, Zierbena tiña dous segundos de renda, que perdeu nos metros iniciais do segundo longo, onde as ondas traballaban e obrigaban a estar finos. Unha tripulación máis de forza que de habilidade.
Tirán e San Juan metéronse no mesmo segundo e así continuaron ata o treito final, onde xa con menos vento, o barco de viscaia volveu a tomar un segundo de renda, mentres que na baliza de terra Tirán perdeu outro -a baixa de Suso Hermelo está a pesar en cada manobra-. O terceiro longo, xa co vento en contra, aproveitouno Zierbena para rachar a quenda e Tirán aguantou ata os últimos 300 metros o ritmo de San Juan. A partir de aí, pinchou de xeito esaxerado e, incluso, tivo certos problemas para aguantar a remontada de Ondarroa, aínda que ó final acadouno. 
Anteriormente, a quenda inicial do día viviu esa loita desesperada de Astillero por manterse na categoría contra Ares, que vai de infortunio en infortunio. Onte con rotura de remos. Pecharon a regata os coruñeses e dispoñen de oito puntos de renda sobre o descenso directo. En gran medida, porque a tripulación cántabra afundiuse no último rego, con Cabo da Cruz a todo motor e San Pedro detrás. 
No referente á loita pola vitoria, Urdaibai foi a mellor traiñeira ata os últimos cincocentos metros, nos que remontou Hondarribia tres segundos. Quedou a un e medio de gañar na casa.n

Te puede interesar