Xornal Escolar

Centros de Pontevedra participan no Plan Proxecta

Nestas iniciativas da Consellería de Educación da Xunta estarán implicados, neste curso escolar, 48.000 alumnos da provincia de Pontevedra.
photo_camera Nestas iniciativas da Consellería de Educación da Xunta estarán implicados, neste curso escolar, 48.000 alumnos da provincia de Pontevedra.

O obxectivo é avanzar no desenvolvemento da innovación educativa a través do traballo por proxectos vinculado a áreas como a saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía ou a convivencia, entre outros moitos. 
 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de resolver a convocatoria do Plan Proxecta para o actual curso 2017/18, no que participarán un total de 192 centros de ensino da provincia de Pontevedra. Ao seu abeiro, 48.000 alumnos desenvolverán 324 proxectos diferentes nalgún dos 45 programas que compoñen esta iniciativa. A relación de colexios que desenvolven cada programa pode consultarse no portal web da Consellería, no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.gal/portal/node/23737 .
No conxunto de Galicia participarán no Proxecta 515 centros de ensino (un 20% máis que o ano pasado), nos que preto de 123.000 alumnos (un 35% máis ca no curso anterior) e  arredor de 5.500 docentes desenvolverán un total de 911 proxectos. Pode obterse información sobre os programas no portal educativo, no enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta .
Programas ofertados
O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores. 
Neste curso ofertáronse un total de 45 programas diferentes, relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, o audiovisual, a normalización lingüística, os dereitos da infancia ou a mobilidade, entre outros.
A nivel de Galicia, os programas máis exitosos son ‘PDC (proxecto deportivo de centro. Centros activos e saudables)’, con 229 centros participantes; ‘Aliméntate ben’, con 126; Quérote+, Meteoescolas e Proxecto Terra, con 39 centros implicados cada un deles; e Proxecto Ríos con 34 centros. Do total destes programas, 36 xa funcionaron o curso pasado. Outros cinco son moi similares pero reformulados co fin de melloralos, en concreto Aliméntate ben, Por 365 días de respecto e igualdade, Donas de si, Educación patrimonial e Formando creador@s. Catro son programas totalmente novos, nomeadamente Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional; Campaña Mundial pola Educación, Apuntámonos a non beber e Liga de debate forestal. O feito de acoller  estes programas baixo o Plan Proxecta establece un marco xeral de colaboración para traballar neste eido dun xeito estruturado.
, de tal forma que se contribúe a fixar uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns, a establecer pautas compartidas en relación ao recoñecemento do traballos do profesorado nestes proxectos e a ofrecerlles aos centros e aos docentes a posibilidade de incluír dentro da súa planificación anual e programacións a participación neste tipo de iniciativas.

O obxectivo último deste plan é avanzar nas dinámicas de mellora da calidade educativa e favorecer a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo, cooperativo e en rede, do alumnado e do profesorado implicado. Para iso, un dos principais obxectivos destes plan é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro en que se orixinan como para o resto da comunidade educativa galega. 

Te puede interesar