Opinión

O campión das boliñas de pan

Buscando un libro que non encontrei, atopei outro que non buscaba pero que perseguía dende hai tempo. En realidade o que eu buscaba con certo desespero era un traballo de Prudencio Landín Tobío que sabía publicado nun libro da súa autoría intitulado “De mi viejo carnet”, do que conservo un exemplar editado no 1949. O lin varias veces buscando sequera unha referencia ó “hombre de las bolitas”. Eu sabía que estaba alí, pero nin flores. Non daba con el e listo.
O texto que eu buscaba non figura na edición citada senón noutra coa que me agasallou no seu momento Rafael Louzán, un presidente da Deputación pontevedresa con moita máis sensibilidade cultural que outros entre os que mesmo inclúo a un que me regalou una fermosa peza de porcelana coa figura da Virxe Peregrina e do que non fará falla ningunha que dea o nome: así vostedes terán algo máis no que enredar.
Esta edición ven ampliada con dous compendios a maiores do primeiro e, no segundo deles, relátase o peculiar comportamento dun familiar do autor que nas comidas facía boliñas de pan que levaba ó peto no que as deixaba secar pra, unha vez endurecidas, sacalas de unha en unha pra disparalas cunha forza e precisión incribles sen que ninguén se decatara delo.
Durante anos a anos a xente pontevedresa andou tras o coñecemento da identidade de tan invisible e excepcional lanzador de proxectís sen dar nunca con quen a ostentaba. Julio Foron moitos os cronistas que lle adicaron os seus traballos aludindo á súa habilidade, tanto coma á súa persoalidade descoñecida, dende Julio Camba que lle dedicou unha crónica titulada “El arte de tirar bolitas de pan” na que conta como no madrileño Café de Correos a xente chegou ás mans e os pratos voaron por riba das mesas grazas ós voos descritos polas benditas boliñas cunha encomiable puntería que acabou irritando a todos tanto como a súa descoñecida procedencia. Seica sucedeu o mesmo nunha voda celebrada en Villaviciosa de xeito que mesmo tivo que intervir o alcalde a fin de poñer orde.
Tamén Wenceslao Fernández Florez lle prestou atención a este personaxe excepcional do que por fin se soubo que era parente do autor do libro e, tamén e ó tempo, probo funcionario na Biblioteca Municipal madrileña. Un home que, según Landín Tobío relata, era quen de disparar un garavanzo con tal forza e puntería que, dende a rúa, disparándoo logo de dispoñelo entre o dedo pulgar e o medio, rompía o cristal da ventá dun terceiro piso. Que forza non tería nos seus dedos!
Julio Camba escribiu del o que segue: “Pero la fuerza es lo de menos en el arte de tirar bolitas de pan. Lo maravilloso es que Rodríguez está mano a mano con usted y le tira a usted cincuenta bolitas a la cara sin que usted se las vea tirar. No apunta nunca directamente al blanco. Para darle a un hombre que está a su lado lanza la bola a la pared de enfrente, en donde rebota y toma la dirección precisa. El agredido, que advirtió la dirección del proyectil, no puede desconfiar de Rodríguez y –la escena transcurre en un establecimiento público- le buscara cuestión a cualquier parroquiano inocente antes que al verdadro autor.”
Logo Camba preguntase que pasaría se Rodríguez fose diputado no Congreso e qué pasaría cun tiroteo deses. A min chégame con me imaxinar a Rajoy levándose a man ó pescozo molesto polos picotazos e o escándalo que se montaría de ter tido lugar na pasada sesión de investidura.
Landín describe no traballo que tan afervoadamente perseguín moitas más aventuras balísticas, mellor debera dicir bolísticas do seu parente, pero o máis seguro que resultaría oneroso que eu porfiara en contarllas agora a vostedes todos. Do que se trataba era de fuxir un par de días seguidos de tanta parafernalia política coma na que nos enzoufallamos nas pasadas semáns. Xa non ía chegando!
Tratábase diso e máis tamén de incitar a alguén á redacción dese compendio e anecdotario de personaxes ourensáns que non habería estar precisamente escaso de xentes tan ou máis curiosas que o propio disparador de bolitas. Eiquí temos falado xa dalgúns deles, pero xente hai máis coñecedora ca min dunha realidade ourensá que eu vivín hai xa máis de medio século e todo se me vai en recordos que non sempre han ser precisos; así que, xa saben, anímense e a escribir, que son dous días.

Te puede interesar