Imprimir

As boas xentes

Pedro Gómez-Valadés |

Atlántico | 27 de Enero de 2017

Sempre imaxinei ás boas xentes, ás boas persoas, coma unha sorte de chinchetas que desde a súa humildade e pequenez, impiden que o mundo caia da parede. Tarefa nada doada nun mundo no que abondan os exemplos de maldade e inmensa crueldade con consecuencias terribles para con nós mesmos, os seres humanos.
Hai un coñecido refrán xudeu que di que quen salva unha vida salva un mundo enteiro. Certamente non hai xesto máis xeneroso que salvar unha vida allea arriscando a propia. Persoas que coa súa coraxe evitan que vidas feitas de tempo, amor, desamor, dúbidas, certezas… poideran ser apagadas arbitrariamente pola maldade.
E un ano máis chega o 27 de xaneiro. Data que desde 2005 e por mandato de Nacións Unidas, xunto a reivindicación da memoria das vítimas do Holocausto reivindica tamén a todas aquelas, non moitas persoas, que nos negros anos negros da barbarie xenocida e antisemita desatada polo nazismo contribuíron a preservar a dignidade da condición humana.
Teñen en Israel, no imponente Yad Vashem, o centro que desde Xerusalén estuda e preserva con mimo a memoria das vítimas da “Shoah”, do Holocausto, un xardín poboado de árbores dedicadas ás persoas que os xudeus nomean como “Xustos entre as Nacións”. Esas boas xentes que arriscaron - ou perderon - as súas vidas na nobre misión de salvar a dos outros. Esquecelos, non recoñecelos coma merecen, ademais de inxusto, empobreceríanos como persoas. 
Pois ben, Galicia tamén ten fermosos exemplos de estrema dignidade nos escuros tempos da Segunda Guerra Mundial e do Holocausto xudeu. As irmáns Lola, Amparo e Julia Touza, que desde a súa Ribadavia e sen máis afán que salvar a cantos máis seres humanos perseguidos fora posible, fixeron que centos e centos de exhaustos xudeus puideran pasar a Portugal e salvar así as súas vidas das gadoupas da barbarie. Ou o incomprensiblemente esquecido pola súa propia cidade natal, o doutor vigués Eduardo Martínez Alonso, quen organizou a rede que permitiu fuxir desde Francia a Portugal, a través da España franquista a incontables xudeus fuxitivos dunha morte certa.
Lembrar hoxe a Lola, Amparo, Julia e Eduardo Martínez Alonso é obriga moral de todos e todas nós. Hoxe, 27 de xaneiro, e todos os demais días do ano. Por eles. Por nós. Para evitar que o mundo caia da parede

Puede ver este artículo en la siguitente dirección http://www.atlantico.net/opinion/pedro-gomez-valades/boas-xentes/20170127093125569747.html


© 2017 Atlántico

© Rías Baixas Comunicación, S.A.

Contenidos con licencia Creative Commons