lista de espera infinita

lista de espera infinita

 En novembro do ano 2015 foime detectado un cancro de útero, do que fun operada un mes despois. Tras varios meses sometida a un duro tratamento de quimio e radioterapia, afortunadamente, conseguín superalo. Grazas aos avances médicos, á sanidade pública galega e aos magníficos profesionais que nela traballan, puiden ter unha segunda oportunidade. Pero, desde aquela, a miña vida non volveu ser a mesma.
Como consecuencia da operación, sufro unha insuficiencia venosa nas extremidades inferiores, que limita considerablemente a miña mobilidade e me impide facer unha vida normal. Ás molestias e á dor física úneselle o sufrimento físico e emocional producido, non só por como esta doenza afectou á miña vida diaria, senón tamén pola desatención á que, baixo o meu punto de vista, me vexo sometida polo sistema de saúde público. 
O día 9 de febreiro de 2017, desde o servizo de radioterapia do hospital Meixoeiro derivóuseme ao de cirurxía vascular. A miña sorpresa foi maiúscula cando comprobei que esa cita era para outubro de 2018, case dous anos despois! En febreiro e marzo de 2017 interpuxen sendas reclamacións perante o SERGAS. A día de hoxe, máis de medio ano despois, continúo sen ter unha resposta.
Mentres tanto, a miña vida tórnase a cada paso máis difícil, ser ter, nin sequera, a oportunidade de acceder á opinión dun especialista. 
Vivo atada a un sillón, con dores continuados e, moitas veces, sen poder poñerme de pé, e xa non digamos de saír á rúa e facer unha rutina normal. Pero para os xestores da área sanitaria de Vigo o meu caso, a miña vida, semella non ser importante. Son un número máis dos milleiros que inzan as listas de espera na área sanitaria de Vigo. Sei que non son a única, que moita xente, coma min, ve moi mermada a súa calidade de vida mentres agarda unha espera infinita até poder falar cun profesional que lle axude a poñer remedio ao seus sufrimentos. Despois de máis de corenta anos cotizando e pagando impostos, como cidadá que contribúe aos sostemento dos servizos públicos e do sistema de saúde, teño dereito, non a solicitar, senón a esixir, que a Xunta dea resposta, non só ao meu caso individual, senón, ao problema xeral das listas de espera no SERGAS.