Cartas al director

tempos convulsos

 Escribo porque este é o meu pobo, o noso pobo. Pretendo loitar por el, pretendo seguir en pé disposto a morrer, pero deixando sementes para vencer.
Hoxe, neste momento pasaxeiro, o que sempre pareceu unha utopía estase tornando a unha realidade. Porque ninguén pasa a historia por facer as cousas como outros as fan, un pasa a historia por reinventar, innovar, e sobre todo, por loitar por un ben común. Tampouco ninguén admira ós correctos e convencionais, sempre se admirou a quen decidiu sair do rabaño. O pobo catalán estase ceibando do xugo imperialista, o xugo que para Galicia significou o esquecemento como pobo, sendo sempre a última cousa para España. Porque nunca esquezamos o maltrato, as humillacións e o desprezo que sufriu o pobo galego. Góngora dicía "Ni perro negro ni mozo gallego" e Cervantes deixou escrito en verso: "Bodegón con pies camine/que aquí no le conocemos/calle o pase, porque olisca/a lacayo y a gallego". A nosa gran Rosalía tamén aborrecía aos "castellanos" pois sabía que cando os galegos van, van como rosas; cando vén, vén coma negros.
É un tempo no que Galicia ten que ser parte desta revolución, a nosa patria morre e o pobo galego ten que ser utópico e soñador porque, se non o somos, estaremos mortos. Son días duros e amargos pero temos a suficiente vontade de servir aos nosos ideais e á nosa alma chea de sentimentos. Se non é hoxe, como dixo Companys, voltaremos sufrir, voltaremos loitar e voltaremos vencer.
Eu, como galego, estou disposto a loitar e a ver un futuro noso, feito coas nosas mans, co noso traballo, co traballo dun pobo que non renuncia a soñar. É tempo de sumar e gañar.
Unha vez, un amigo meu escribíu isto e, dende logo, non hai mellor lema: Érguete, berra, xura; agarra a túa fouce e sega a eito e non digas que chove se é que mexan por ti!