Cartas al director

NESTE AGORA IMPOSIBLE

Xa non quedan cancións que sirvan de escusa. Xa ninguén segue a ninguén porque crea nel. Nela. Nada queda do que foi. Do que houbo. Non hai ventos que compoñan melodías para bailar ao abeiro do acantilado. Onde agardas que ela ou el cheguen. Para que salten. Contigo. Xa ninguén ansía cambiar o mundo. Porque sabes que ao mínimo aceno o mundo sempre te remata engulindo. A distancia entre o corazón e a cabeza é a mesma distancia que separa o alto do acantilado do sosego do mar. Xa nunca imos máis alá. Mellor aquí. Deste lado. Onde ninguén se sente enganado. Porque xa cada un se engana a si mesmo. Quizais así sexa máis levadeiro. Que o engano atope acomodo na intimidade. Aínda que a luz xa non atope buraco por onde coarse Hoxe espertei coa boca seca e cun martelo baténdome na cabeza. E co peito arrebatado por unha dor que agardo non se espalle por todo o corpo. Agardo tamén que hoxe alguén faga algo.