Cartas al director

o esperpento do cotián

Esteas onde esteas e mires cara onde mires, a imaxe que sempre reverbera é a de individuos por un lado e polo outro coa cabeza metida entre os ombros e mirando cara un obxecto que sosteñen entre as mans do que escintila unha luz. Observas tamén como sobre ese obxecto moven os dedos con máis ou menos destreza. Obxecto do que, de cando en vez, brincan melodías do máis estrafalarias. Cando non acontece que soa unha e advirtes como de pronto un bo mangado de individuos se activan todos nun santiamén para botar man do aparello en cuestión. Tendo ademais en conta que non importa o lugar nin o momento, cando o aparello chama a atención dos individuos, todo vale. Todo. Semella como se a urxencia ou necesidade do cotián habitase nese aparello que de súpeto todo o condiciona. A preamar incesante de todo este abafe estame sendo difícil de asimilar. Non alcanzo. Nin consigo. Parece como se dun día para outro todo se convertera nun auténtico despropósito. Arrastrando con iso unhas malas maneiras galopantes. Será cousa dos tempos modernos. Será. Mais acaba de virme ao maxín unha fabulosa viñeta de Mafalda que consegue arrincarme un tenro e delatador sorriso. E con ela me quedo.