Cartas al director

sobre "palabras para un país"

n  n  n En diversos xornais do país, entre eles Atlántico, publicou o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na mesma data do pasado 17 de maio, Día das Letras Galegas, un artigo que leva como título “Palabras para un país”. Como manifestación procedente de tan alta instancia política, cumpría lela amodo e así o tentei facer. O primeiro, porén, que me estrañou (non recordo se en anos anteriores ocorrera o mesmo) foi o feito mesmo de que todo un presidente dun país se “rebaixe”, para dicilo dalgunha maneira, a comentar aspectos relativos a cuestións técnicas, literarias, etc.  relacionadas coa relevancia do homenaxeado Carlos Casares, asunto que semella pertencer máis ben a investigadores de literatura ou biógrafos entendidos na cuestión. 
Non se trata de que sobre estes temas a política non teña nada que dicir, tendo en conta que Casares non deixou de se ocupar en determinadas ocasións, e directamente, da “cousa política”. 
Por máis que “políticos” dunha ou doutra forma sexamos todos, incluso aqueles que nos seus presuntamente só técnicos análises presumen de estar ceibes de toda previa concepción ou visión do mundo ou da realidade. 
Mais isto non ten por que igualar sen máis o autor de “Palabras para un país” cun simple entendido en temas relacionados con Casares. Pois aquel, en canto político de oficio, non pode renunciar ó que el representa e sostén desde os seu propio modo de ver as cousas, ou sexa, en definitiva desde a súa particular visión política. De modo que xa en principio non hai que esperar del unha postura neutra, apolítica ou crítica. 
Coido que así se han de entender as súas afirmacións sobre a “concordia” entre as linguas e a súa negación do “conflito”, chegándose a dicir en relación co galego cousas coma esta: “Tampouco é unha tarefa doada atopar no mundo democrático de hoxe linguas coa dimensión da nosa, que gocen dunha maior fortaleza social, cultural, educativa e legal”... 
A verdade é que non sei moi ben como poden compaxinarse tales afirmacións (ben desexaría eu que esa fose a realidade!) coa loa que logo se fai do “multilingüismo” ou “plurilingüismo”. Pero en fin, á vista de tan solemnes declaracións, terei quizais que repensar a miña contraria aposta polo “monolingüismo” (aínda que eu o entenda obviamente de xeito distinto). 
Polo demais, non deixan de fustrigarse os que el chama “dogmatismos”. 
A cuestión, porén, que antes conviría dilucidar sería que son ou como han ser cualificados aqueles ós que tanto lles comprace cualificar os demais como “dogmáticos”.