hoxe día 21 de setembro, día mundial do alzheimer

hoxe día 21 de setembro, día mundial do alzheimer

 Hoxe, 21 de setembro, é o Día Mundial do Alzheimer, declarado pola Organización Mundial da Saúde e no que as asociacións de familiares con alzhéimer que traballamos a diario para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas, aproveitamos para alzar a voz nunha chamada á concienciación sobre esta doenza que, na actualidade, resulta imparable e que xa se pode considerar a “epidemia do S.XXI”.
En Galicia estimamos que arredor de 100.000 persoas sofren unha demencia neurodexenerativa, das que 60.000 teñen enfermidade de Alzheimer. Este dato resulta moi preocupante, non só polo número n si, senón tamén polas perspectivas de envellecemento da nosa poboación, que no ano 2050 chegará a un 41% de persoas maiores de 65 anos. Estas cifras deben facernos traballar máis se cabe nun modelo de atención no que as demencias sexan unha prioridade no sistema sanitario galego. Para iso resulta determinante a posta en marcha dunha Estratexia Transversal de Atención ás Demencias en Galicia, que traballando dende os diferentes ámbitos da Administración que se poidan relacionar con esta doenza atendan ás persoas con alzhéimer e as súas familias en: Política Social, Sanidade, Educación, Emprego…
Esta estratexia debe complementar o tan ansiado Plan Nacional de Alzheimer que, con toda probabilidade, estará listo a finais deste ano.
Neste Día Mundial do Alzheimer o noso obxectivo é poñer o aceno nas persoas que sofren a enfermidade. Coa nosa campaña “Recorda Quen Son” queremos facer fincapé na persoa con alzhéimer, na súa historia de vida, na súa dignidade, na eliminación do estigma que ás veces vai asociado coa enfermidade. Desde FAGAL e as súas asociacións reivindicamos recoñecer a persoa que sofre alzhéimer, reivindicamos que o diagnóstico non cambia nada, que segue tendo os mesmos dereitos. 
A persoa afectada de alzhéimer segue sendo a mesma, o que cambia é a súa condición. Ademais, consideramos fundamental o recoñecemento do 33% de discapacidade tras o diagnóstico, permitindo o acceso a recursos tanto aos afectados como ás súas familias que, doutro modo, levaría a un tempo de espera, en moitos casos excesivo.
Pero tampouco debemos esquecernos daquelas persoas que sofren en silencio as consecuencias da enfermidade: as persoas coidadoras. Temos que poñer sobre a mesa datos como que un 12% das persoas coidadoras deixan o seu posto de traballo para coidar ós seus familiares con alzhéimer, ou que ao redor dun 30% das que traballan modifican o seu horario de traballo, reducindo a xornada en moitos casos e case sempre de forma obrigada. Ademais, cando estas persoas queren volver á súa situación anterior, na maior parte de casos resulta moi complicado, provocando situacións de exclusión social.
Na actualidade nas asociacións de familiares de persoas con alzhéimer de Galicia e a Federación Alzhéimer Galicia traballan 250 profesionais na procura dunha maior calidade de vida de todos os afectados, proporcionando terapias e actividades de estimulación cognitiva para os usuarios, e formación e información para aquelas familias que se atopan dun día para outro cunha situación que provoca multitu de de preguntas pero das que non temos todas as respostas que nos gustaría.
O alzhéimer precisa de todos, da axuda das Administracións e do apoio de toda a sociedade. Pola nosa banda, FAGAL e as asociacións seguiremos a traballar con máis forza para amosar o noso compromiso coas persoas con alzhéimer e as súas familias, coa idea no horizonte dunha sociedade sen alzhéimer, pero sobre todo precisamos o compromiso de sociedade, porque o primeiro que che pedimos e #RecordaQuenSon.

Por Ramón Cadórniga Mao. el
22/10/2017 23:07 h.