Cartas al director

crónica antimachista

n  n  n Acabei de ler a “crónica bárbara”-máis que bárbara , brutal, diría eu- que Manuel Molares do Val publicou o pasado martes no seu xornal, e sángranme os ollos. Fala da primeira muller morta a mans dun home este ano. Titúlase a brutal crónica: ”Víctimas de su sexismo”.  Un título que soa a  puñalada no cadáver. Resumindo a súa análise, que el extrapola, como lemos nese plural, a todas as mulleres matadas, estas  son unhas parvas  viciosas, reféns da súa lascivia, que se entregan a  uns  seres   irresistibles, dotados dunha especie de forza primixenia que te leva  á éxtase  sexual   pero tamén pode matarte: “Hay mujeres que se entregan voluntariamente a hombres violentos sabiendo que pueden matarlas”. Ademais do concepto de entregarse a un home, tan  reseso, tan propio de telenovelas cutres, atención  ás perigosas valoracións sexuais do columnista: “Porque esos hombres  son buenos amantes”. “Las mujeres tienen que ser autorresponsables evitando machos violentos por placenteros que sean”. “Dicen los vecinos  que no se explican  la dependencia de la  profesora de su asesino. Claro que se explica: él era una deidad sexual, dominante e iracundo, como Zeus”.  Pero este cromañón  non ten vergoña de espir as súas machistas fantasías sexuais deste  xeito?
 Manuel Molares do Val  considera a  vítima inerme culpable da súa morte. Atrapállame a indignación. Pero de onde saíu este desalmado? Dende que caverna escribe? 
Censura a relación desigual en idade e condición entre o asasino e a súa vítima: el, un mozo de vinte anos  e ela, unha muller de corenta.  Non ten este rancio amigos- cecais el mesmo, que debe ser bastante maior- que con corenta e sesenta anos teñen relacións sexuais con mozas de vinte e mesmo fachendean  de telas, iso si,  sen perigo de morte? 
O home, dinos, é  un  delincuente e ela era  unha profesora universitaria. Claro que o home é un delincuente,un criminal, como todos os maltratadores e  asasinos de mulleres  por moi xornalistas, médicos, policías ou  condutores de autobús que ademais  sexan. E ela, que máis dá que fose profesora universitaria? Ela era  unha muller,  unha das centos de vítimas da gratuíta violencia machista,  das miles de vítimas do terrorífico terrorismo machista, unha muller como tantas mulleres de todas as idades e condicións,  aldraxadas, maltratadas e matadas por homes de todas as nacións, idades e condicións. Pero Manuel Molares do Val non le os xornais? Non ve a televisión? 
  Moito coidado. A violencia asasina que mata mulleres ten as súas raíces no mesmo pozo escuro de onde saen as violentas palabras deste home primitivo: esas puñaladas no cadáver da inocente.