Perdeu a cadela

Así, tal cal, chegou a frase aos meus ouvidos. Non souben de que ía no momento. Ficaba aínda no café da miña zona, a iso das 3 da tarde, e era o domingo das primarias do PP, no que se decidía quen sería o presidente do partido, cousa que a min me deixaba indiferente: que mais tiña, fora quen fose, ía iso a cambiar a esencia do PP, que non é outra que menos Estado –é dicir: os de abaixo apañádevos como poidades- e máis diñeiro para os que xa o teñen. Foi iso o que me decatou súpeto do significado da sentencia; mirei de onde proviña –un xubilado dos da boina, con pinta de espabilado, a outro da mesma quinta, máis ou menos da miña, con aspecto de máis coitado- e dinme conta do que se trataba: a Soraya de Santamaría perdera as eleccións fronte ao Casado, e así o confirmaron na TV acendida no local.
     Manda c... !, díxenme: aquí temos a análise fina, made in Galicia; a do “pobo sabio” que entronizan os políticos cando lles compre –polo baixo din outra cousa-; a do ‘sabelotodo’ que non sabe nada pero o ten claro á hora de votar, para manter a Galicia nas máis altas cotas de desenrolo –como acontece desde tempos inmemoriais- e paraíso pepero. Ben puido dicir: gañou o can; pero non: perdeu a cadela. E os galegos ben sabemos a diferencia.
     Ao momento pensei: xa teño o titular para unha carta ao director; pero preferín deixar pasar un tempo, non facelo en quente, sabendo ademais que o tema ía ocupar as páxinas dos xornais durante uns días. E aquí estou, pensando que paga a pena unha reflexión. Xa sei que é arriscado pasar de unha anécdota a unha categoría, como estou a facer, pero coido que o comentario do paisano é un reflexo paradigmático da mentalidade nosa labrega. É inimaxinable pensar nun castelán falante, dicindo: perdió la perra.
     Eu, por pedir que non quede, maxinaba un PP presidido polo Margallo –home de certa cultura e rigor intelectual-, pero xa me temía o peor; non en van no seu día rexeitaron a Herrero de Miñón, de gran cabeza e que houbera sido un problema para a esquerda, en favor de un chaiñas como Hernández Mancha, que durou o que durou e deu paso a outro xenio como o Aznar, meigas fora. Que haberá no ADN do PPdeG para estar sempre cos mais casposos: lembrar que, xa na primeira votación, aquí gañou Cuspedal (non é un erro: por favor, respectar a grafía), aínda que, inexplicablemente, o baltarciño parece ser que ía coa Soraya.
     E así estamos, en plena rexeneración do PP, que eu chamaría reinvolución –pola volta explícita aos principios da Alianza Popular-, e volta a empezar coas teimas calumniosas de sempre, repetidas mil veces para ver de facelas verdade: que si apertura total das portas ás pateiras –non importa que se siga o protocolo, salvo no imprevisto caso inicial-; que si concesións aos indepes cataláns para “romper España” –impensable que o PSOE rompa España, nin siquera Podemos-; que si a “peaxe” aos nacionalistas vascos co traslado de 2 presos –non importa que as dúas principais asociacións de vítimas, a AVT nada menos (sempre próxima ao PP) e a do País Vasco, estean de acordo co Goberno-, cando o seu modelo, Aznar, trasladou mais de 200 coa ETA en pé; e así con tódolos temas. Non teñen remedio: precisan do magma pantanoso da mentira –como as bacterias da humidade- para subsistir; da calumnia que algo queda para a crítica política fedorenta, mendaz e alienante, sen escrúpulo ningún.  Dicía hai poucos días o Carrabouxo, e non poucas veces discrepo da súa mensaxe –que eu saiba, fun o único en tirarlle das orellas neste xornal, hai un par de anos, con perdón-, que nesta Terra nosa hai moito I+D+I+O+T+A. Pois, iso.