XORNAL ESCOLAR

Os colexios de Pontevedra participan no Plan Proxecta

O obxectivo é avanzar no desenvolvemento da innovación educativa a través do traballo por proxectos vinculado a áreas como a saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía ou a convivencia, entre outros moitos.

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Os colexios de Pontevedra participan no Plan Proxecta

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de resolver a convocatoria do Plan Proxecta para o actual curso 2018/19, no que participarán un total de 212 centros de ensino da provincia de Pontevedra. Ao seu abeiro, uns 58.282 alumnos xunto con 3.206 profesores desenvolverán 373 proxectos diferentes nalgún dos 43 programas que compoñen esta iniciativa. A relación de colexios que desenvolven cada programa pode consultarse no portal web da Consellería, no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.gal/portal/node/26562 .
Participantes
Por número de centros participantes, os programas máis exitosos na provincia de Pontevedra son “PDC (proxecto deportivo de centro. Centros activos e saudables)”, con 102 centros participantes; ‘Aliméntate ben’, con 74 e “Donas de si” con 18. Séguelle “Meteoescolas” con 17 centros; “Proxecto Terra” e “Proxecto Ríos” con 12 cada un deles; “Recíclate con Sogama” con 8 e “Por 365 días de respecto e igualdade” con 7 centros acollidos. Pode obterse información sobre os 43 programas no portal educativo, no enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta. 
No conxunto de Galicia participarán no Proxecta 542 centros de ensino (un 5,24% máis que o ano pasado), nos que preto de 138.000 alumnos (case un 12% máis ca no curso anterior) e  arredor de 8.000 docentes desenvolverán un total de 1.039 proxectos. 
Por provincias, 177 centros de ensino coruñeses desenvolverán 337 proxectos, e 73 centros lucenses realizarán 162. 
En Ourense o número de centros participantes é de 80, que desenvolverán 167 proxectos; mentres que en Pontevedra están implicados 212 centros, cun total de 373 iniciativas. 
No curso educativo do 2017/18 participaron no Plan Proxecta 515 centros de ensino, preto de 123.000 alumnos e 5.500 profesores.
Programas ofertados
O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores dos nenos.