xornal escolar

O CEIP Santa Mariña é un centro pioneiro en introducir o ABN en toda a etapa educativa

20181119230225032
photo_camera Os alumnos nas actividades do Día das Letras Galegas.

A pesar de contar soamente con 117 alumnos e alumnas, o  CEIP Santa Mariña síntese orgulloso de ser un centro público das aforas de Vigo, que soubo manterse durante os últimos case 50 anos como un centro de referencia na zona de Cabral. É un colexio plural, integrado e integrador e moi atento á realidade que lles rodea. Ademais, na súa concepción dunha educación aberta, traballan para que os rapaces e rapazas , ao finalizar a etapa de Educación Primaria, acaden unha formación integral, tanto en valores como en capacidades.
De Infantil a Primaria
Situado na Rúa Xalón, en Cabral-Vigo, ofrecen un programa de ensinanza que permite atender a calquera necesidade educativa dende a Educación Infantil, a partir dos 3 anos,  ata finalizar a Educación Primaria. Orgullécense de ter a posibilidade de ofrecer ao seu alumnado o apoio  necesario para conseguir o desenvolvemento harmónico da súa personalidade, ao tempo que, con constancia e apoio metodolóxico axeitado, acade os obxectivos académicos marcados.
A ratio media dos seus grupos permítelles que a atención que fan mestras e mestres poida ser case individual. Con propostas metodolóxicas activas e globalizadas, a través do traballo por equipos e por proxectos, as nenas e nenos poden adquirir coñecementos mentres experimentan e se divirten. Para iso contan con aulas nas que os recursos audiovisuais están presentes en cada momento da rutina escolar, como o demostra a participación no “Proxecto Escolas Conectadas”, convenio da Xunta con algúns centros educativos para instalar conexión de 100 megas e dotalos de acceso wifi para todo o alumnado.
Cada curso, o  equipo docente selecciona unha temática de traballo que conformará o eixo vertebrador do Proxecto Documental Integrado, e que ten como centro neurálxico a Biblioteca Escolar. Teñen o recoñecemento, dende fai varios cursos académicos, do PLAMBE, Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares,  e contan cunha biblioteca totalmente renovada, na que o  alumnado pode escoller entre un actualizado e amplo catálogo ou desfrutar dos recantos que a conforman e fan que sexa un centro de creatividade e experimentación. 
Atrás quedou a vella concepción dun espazo silencioso e estático, dando paso a unha biblioteca con vida e alma propias. 
Contacontos, obradoiros, experimentos, talleres, son algunha das actividades que se realizan diariamente neste espazo, ou nos espazos do centro vinculados con ela, exposición de novidades, recanto motivador de lectura nos corredores, bibliopatio...As  nenas e nenos son o máis importante para o claustro do Santa Mariña, xa que son o futuro. Tratando de que aprendan dende unha perspectiva integral e para iso é imprescindible contar cun profesorado cualificado, involucrado e en constante contacto coa innovación educativa. Así, e cunha duración de dous cursos, o claustro de Santa Mariña está sempre inmerso en Cursos de Formación Permanente para o Profesorado (PFPP). Realizan formacións sobre a publicación en páxinas web e blogs, sobre as posibilidades de organización e dinamización da Biblioteca Escolar e na actualidade sobre a metodoloxía ABN. 
Dende hai dous cursos no CEIP Santa Mariña están  introducindo, tanto na etapa de Educación Infantil como na de Educación Primaria, esta metodoloxía innovadora no ensino das matemáticas, Algoritmos Baseados en Números (ABN). Trátase dunha proposta metodolóxica fundamentada no cálculo baseado  nun amplo dominio da numeración que permite ao alumno operar comprendendo o que fai, chegando ao cálculo mental de maneira sinxela e natural e aumentando de forma moi notable a súa capacidade de resolución de problemas.  O CEIP Santa Mariña é  un dos centros pioneiros en Vigo á hora de traballar con esta metodoloxía e observan como día a día vai mellorando a competencia matemática dos alumnos e alumnas.
Son moitos e moi variados os proxectos e programas nos que están  inmersos. 
Sementando saúde
O seu  PDI anual durante este curso leva por título “Sementando saúde” e, como suxire o seu nome, pretenden que as rapazas e rapaces do colexio desenvolvan hábitos e realicen actividades que lles permitan mellorar e sentirse sans. Tres son os grandes ámbitos do proxecto:  crear, en colaboración con toda a  comunidade educativa, un horto escolar; desenvolver proxectos de investigación nas aulas sobre os contidos do propio proxecto: plantas, alimentación, deportes; e  conseguir que o colexio sexa uncentro educativo saludable, un espazo de convivencia tranquilo, no que se den situacións de respecto, cordialidade, cooperación, no que se desenvolvan actividades saudables para o tempo de lecer. Así, forman parte de varios programas do Plan Proxecta orientados a favorecer o desenvolvemento físico dos nenos e nenas. Son un dos centros integrantes dos programas Programas Móvete+ e Milla diaria . O obxectivo do primeiro é o de fomentar a actividade física a través de actividades con música e movemento, traballando transversalmente hábitos saudables de alimentación, hixiene e lecer activo. No segundo trátase de realizar unha milla diaria, andando ou trotando, dentro do horario lectivo. 
Nesta actividade poderá participar toda a comunidade educativa, adaptando as tarefas ás súas capacidades, delimitación do percorrido, sinalización, acompañamento dos camiñantes.   Se tivesen que citar cales son os valores que intentan desenvolver no alumnado e que lles definen como centro falariamos do respecto, o esforzo, a constancia, a responsabilidade, a honestidade, a empatía e o traballo en equipo. Unha das actividades que van encamiñadas a adquisición de tales valores son os Patios Dinamicos. O CEIP Santa Mariña é un centro inclusivo, que integra a todo o seu alumnado, sexan cales sexan as súas características físicas ou psicolóxicas, nas tarefas diarias do centro de maneira natural.  Deste xeito , unha vez na semana organízan os patios dinámicos, co obxectivo primordial da inclusión social. Realizanse toda unha serie de dinámicas divertidas e atractivas, en agrupamentos mixtos nas que todo o alumnado pode participar e compartir novas e diferentes experiencias de lecer. 
A dirección do centro quere destacar un dos elementos que os singulariza, xa que dende fai varios anos leva funcionando a Escola de Nais e Pais. Trátase de facer chegar ás familias dos  alumnos o apoio que precisen na tarefa de crianza e educación dos seus fillos e fillas. As charlas realízanse unha vez ao mes e poden asistir os familiares que o desexen; son impartidas por psicólogos, orientadores e pedagogos cualificados que aportan pautas e métodos a seguir ante diferentes situacións, e que están abertos ao diálogo e participación das persoas que asistan. E para termina, unha cita de Paulo Freire: “La educación no cambia el mundo, cambia  las persoas que van a cambiar el mundo”.

Te puede interesar