vigo

Zulueta de Haz, entre a emoción e a gratitude, celebrou os seus 90

Alfonso Zulueta de Haz celebrou os 90 anos cunha homenaxe na Fundación Penzol.
photo_camera Alfonso Zulueta de Haz celebrou os 90 anos cunha homenaxe na Fundación Penzol.

Un centenar de amigos amosou o seu cariño nunha homenaxe organizada na Penzol

nnn “O primeiro que quero dicir é que estou moi sorprendido; sabía que viña a unha homenaxe de cinco das fundacións coas que colaboro, pero non agardaba tanta xente”. Estas foron as palabras coas que Alfonso Zulueta de Haz agradeceu aos asistentes a súa presenza na cerimonia polo seu noventa aniversario, un cento de amigos que deixaron pequeno o salón de actos da Fundación Penzol. “É moi significativo que estean aquí, iso significa que logrei o seu cariño e amizade”.
Con modestia, recibíu as palabras que lle adicaron os representantes das institucións organizadoras (Penzol, Galaxia, Otero Pedrayo, Isla Couto e SEPT): “Con tanto eloxio, había veces que pensaba que se referían a outra persoa”, sinalou.
No seu discurso fixo un percorrido polo que denominou “anacos recollidos na miña memoria” e relacionados coas dúas preocupacións que marcaron a súa vida “os temas sociais e os culturais”. Comezou polo seu paso polo Colexio Maior César Carlos, en Madrid, onde tanto os rectores como os estudantes aspirantes eran avaliados polos residentes: “Foi pensado para crear a clase dos novos dirixentes, pero convertíuse nun foco de disidentes”. A do intercambio universitario que o levou a Oxford sinalou que “alí aprendín a liberdade crítica”.
Xa notario, destinárono á localidade malagueña de Gaucín: “O que maior indignación me causaba era o xeito de contratar aos traballadores, na praza do pobo e a dedo; era necesario rescatar aos servos desa pobreza”, lembrou. Así creou un padroado e unha escola. O segundo destino foi Marín, “levaba moitos anos lonxe de Galicia e a Sociedade de Estudios axudoume a emprender as iniciativas apropiadas”, puntualizou.

dende os anos 60 en galicia
Xa en Galicia, compartíu a súa experiencia no Ateneo Pontevedra “o único rexido democráticamente”; a traducción da Biblia ao galego durante doce anos “a aventura máis fermosa na que me metín”. Non esqueceu o labor cos discapacitados, primeiro a través da asociación Xoán XXIII y agora dende Sálvora, unha fundación tutelar. “Neste punto é importante traballar con persoas implicadas porque o afecto é fundamental; sempre estiven rodeado por xente extraordinaría”. A súa última etapa, a máis coñecida, tamén estivo presente no seu locutorio: “É unha honra para min pertencer a Galaxia, imprescindible para a literatura galega”. As figura de Don Paco e de Fermín Penzol apareceron na súa memoria. “En Vigo queda a Fundación Penzol, un facho para a cultura de toda Galicia, e un prestixio que a cidade debe valorar”. De Otero Pedrayo tan só dixo tres palabras “o gran patriarca”. Rematou reivindicando a figura de Isla Couto: “Un gran descoñecido que hai que difundir aproveitando o próximo aniversario”, recomendou aos asistentes.
Finalizou forzándose a si mesmo a rematar, “ocórrense máis cousas, pero xa está ben por hoxe”.n

Te puede interesar