vigo

A Xunta amplía o prazo para adquirir solo en Navia para vivendas protexidas

O Goberno galego destinou 8 millóns e os propietarios teñen ata o 31 de octubro para ofrecer os seus terreos

nnn A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de ampliar ata o 31 de outubro o prazo para a presentación de ofertas para a adquisición de solo destinado á ampliación do polígono residencial de San Paio de Navia, en Vigo. Recentemente, o Consello da Xunta acordaba destinar un total de 8 millóns de euros á adquisición de solo nese barrio, nun novo paso no impulso do proxecto de construción de 1.600 vivendas protexidas no municipio vigués.
Na oferta pública de adquisición os terreos valóranse a 126 euros o metro cadrado, ao que haberá que sumar o valor dos elementos existentes nas fincas, como construcións, peches, arborado, etc. Con esta oferta, o Goberno galego respecta o prezo fixado na resolución expropiatoria emitida pola Xunta no ano 2008 e que non chegou a materializarse a causa das complicacións urbanísticas e das dificultades económicas.
No caso de que as propostas de venda presentadas polos propietarios do solo superen os oito millóns de euros previstos, a contía destinada á adquisición de solo poderá ser incrementada. Os terreos que non se poidan adquirir por compravenda serán adquiridos posteriormente a través de permuta por edificabilidade cos propietarios ou a través de expropiacións.
Coa ampliación do prazo preténdese facilitar a presentación de ofertas por parte dos propietarios interesados en facelo e será válido para terreos que carecen de elementos susceptibles de ser valorados e fincas nas que non existan vivendas nin construcións anexas ás mesmas como garaxes, alpendres, etc.
Os titulares de terreos que acepten a oferta deberán presentar ante o Instituto Galego da Vivenda e Solo un escrito no cal figuren os seus datos persoais e os que permitan identificar a propiedade e coñecer a súa superficie. Para tal efecto, deberanse indicar a referencia catastral e, de ser o caso, os datos rexistrais. n

Te puede interesar