vigo

Xerais, Verne e Merlín 2015 chegan con obras singulares

Cajaraville (Xerais), Esmorís (Mierlín) e Maceiras (Jules Verne), onte cos seus tres premios.
photo_camera Cajaraville (Xerais), Esmorís (Mierlín) e Maceiras (Jules Verne), onte cos seus tres premios.

Os xurados deron os premios a Héctos Cajaraville, Érica Esmoris e Andrea Maceiras 

Héctor Cajaraville, Andrea Maceiras e Esmorís foron os gañadores dos premios Xerais, Jules Verne e Merlín, concedidos onte na illa de San Simón. As tres son obras de vangarda, singulares.
O xurado da XXXII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorreron 34 obras,  acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema "De remate" que, despois de aberta a plica, resultou ser de Héctor Cajaraville coa obra "De remate".
Héctor Cajaraville (Santiago, 1975) estudou periodismo na USC. Traballou nos gabinetes de comunicación de varias institucións e entidades e en medios de comunicación como De Luns a Venres. Desde o ano 2011 traballa como corrector de orixinais no mundo editorial. É coautor do Dicionario Xerais de Secundaria e Bacharelato (Xerais 2014) e autor do libro O palabrego (Xonix Récords, 2012), unha obra a medio camiño entre un dicionario e un libro de poemas. Ademais  da novela gañadora do Premio Xerais 2015, outra obra súa (Quen dá a quenda?) foi unha das tres finalistas no premio Merlín.
"De remate" é unha novela tremendamente singular no xeito de narrar. Está construída fragmentariamente a través das columnas de opinión de Bieito Sanmarful, dos textos pertencentes ao seu diario íntimo e dos correos electrónicos que el envía ou que recibe dos seus lectores e lectoras, moitas veces envoltos en polémica. A través das páxinas desta novela non asistimos só ao retrato sociolóxico da Galicia  que habitamos senón que tamén imos descubrindo a propia vida e o itinerario persoal do protagonista, aflixido por unha doenza coa que se ve obrigado a convivir. 
Cajaraville declarou que "De remate é calquera cousa menos unha novela convencional. De feito, haberá mesmo quen dubide da súa condición de novela, pois está conformada a partir dunha amálgama de textos (artigos xornalísticos, entradas nun diario persoal, correos electrónicos, anotacións en blogs, transcricións de entrevistas...) que, a modo de collage, compoñen os últimos anos da biografía do seu protagonista, Bieito Sanmarful. Deste xeito, a partir textos propios e alleos, o lector vai fornecéndose das pezas que lle permitirán dar forma aos últimos anos de vida de Sanmarful, afectado dunha enfermidade terminal que vai condicionar a súa relación co mundo en xeral e, sobre todo, consigo mesmo".
O xurado do Jules Verne de Literatura Xuvenil , dotado con 10.000 euros, acordou declarar como gañadora a obra de Andrea Maceiras e corresponde ao título "Europa Express". Andrea Maceiras Lafuente (A Coruña, 1987) é licenciada en Filoloxía Galega e Hispánica. O xurado sinalou: "Aroa, Xacobe, Nico, Beatriz, Óscar, Piero e Mía son un grupo de adolescentes que despois de rematar o Bacharelato deciden viaxar xuntos por Europa, de Noruega a Galicia, en interrail. A novela gañadora arranca dez anos despois, cando Nico regresa a Berguen, cidade norueguesa pola que pasaran naquel interrail. A súa afección a coleccionar postais revelaralle a Nico, de maneira fortuíta, certa información que provoca nel un cuestionamento da súa vida".
Andrea Maceiras declarou que "Europa Express é unha novela de intriga psicolóxica. A historia alterna lugares, personaxes e tempos narrativos no seu avance cara o descubrimento dunha verdade inexorábel, capaz de cambiar o rumbo das vidas dos seus protagonistas". 

Te puede interesar