VIGO

O Vindel, testemuño do nacemento dunha lingua e de Vigo

O mundo da cultura agarda con expectación a exposición sobre este pergamiño senlleiro

A presentación do Vindel en Vigo, o pasado 28 de setembro.
A presentación do Vindel en Vigo, o pasado 28 de setembro.
O Vindel, testemuño do nacemento dunha lingua e de Vigo

 É o acontecemento cultural máis importante no que vai de século para Galicia. A exposición do Pergamiño Vindel, e a inauguración da mostra que o acompaña, o vindeiro martes, no Museo do Mar, está a ser agardado con grande expectación polo mundo da cultura xa que supón ver por primeira vez en 800 anos, na súa propia terra, un manuscrito que supón o máis importante testemuño do nacemento dunha cultura, unha lingua, un lírica e unha música da que tanto Galicia como Portugal son herdeiras.
O Vindel, cedido por espazo de seis meses polo seu propietario, a Morgan Library & Museum, á Universidade de Vigo e Xunta de Galicia, apenas son dúas follas, pero nelas se recollen sete dos máis fermosos poemas da lírica profana en galego-portugués, seis deles coa súa notación musical, escritos no século XIII polo trobador Martin Codax (así, sen til). Son cantigas do chamado xénero de amigo, nas que a voz dunha muller láiase pola ausencia do seu amado e, o que é máis importante para Vigo, son a primeira constatación escrita do nome desta cidade.
“Eu vino por primeira vez alí, na Morgan Library de Nova York”, lembra Víctor Freixanes. O escritor e presidente da Real Academia Galega sinala que esta é unha “oportunidade histórica que todos os galegos e galegas debemos celebrar para poñer en valor a nosa memoria histórica”. “É un monumento do noso patrimonio nacional, descuberto no ano 1914 por Pedro Vindel e que desgraciadamente despois marchou para os EE.UU. Cando o vin en Nova York foi emocionante e un pouco triste, porque podería estar aquí. O feito de que poidamos velo estes días é algo para celebrar”, salientaba, en declaracións a este xornal.
Tamén de feito histórico califica a presencia deste pergamiño o director de Editorial Xerais, Manuel Bragado, quen subliñaba que é unha peza que “expresa o carácter milenario da lingua e da cultura galega”. “E para Vigo é algo moi importante na medida de que son uns textos caligrafados hai 800 anos con notación musical de quen fundou dalgún xeito a cidade como espazo comunitario e como espazo literario. A parte da beleza das cantigas, teñen tamén ese carácter. Como dicía Xosé María Álvarez Blazquez, Vigo foi unha cidade fundada por un poeta, e agora temos entre nós a súa creación”, engadiu.
O responsable de Xerais, que resaltou a participación público-académica e privada nesta iniciativa, avogou por que esta mostra sexa unha oportunidade para Galicia e Portugal se recoñezan nun partrimonio común e Vigo se convirta na “capital da poesía galego-portuguesa”.
Polo de agora, Xerais xa ten no prelo un libro de Xosé Ramón Pena, “Martin Codax e os xograres do Mar de Vigo”, que suporá a súa aportación para celebrar a presencia do Vindel.
Galaxia, a outra editoria de referencia en Galicia, conta xa cun amplo catálogo de obras onde se analiza esta e outras obras da lírica medieval, incluidas as do seu máximo investigador, o profesor italiano Giuseppe Tavani. “Para nós e un luxo, algo moi emocionante a presenza do pergamiño”, afirmaba o seu director, Francisco Castro. “É unha mostra de que a literatura e a lírica culta en Europa no medievo se facía en galego-portugués e que ten o Mar de Vigo e a Ría como un dos seus obxectos poéticos”.

Música popular
O Pergamiño Vindel tamén é de enorme importancia no eido da música. A E-Trad, a Escola de Música Folk e Tradicional de Vigo, estudan dende hai anos estas cantigas de Martin Codax na súa materia de Historia da Música Galega e hai meses traballan con elas facendo distintas versións. O seu director, o coñecido músico Rodrigo Romaní, comenta que agora se poderán achegar fisicamente ao que se trataba como algo lonxano. “Para todo o mundo relacionado coa música tradicional e antiga é toda unha fonte de pracer poder telo diante, aínda que só sexa a nivel simbólico. Supón un orgullo comprobar que temos unha tradición tan forte e perpetuada no tempo”.
Para Romaní, estas cantigas entroncan perfectamente coa tradición oral galega: “Hai retrouxo fixo e a copla vai cambiando e iso encaixa perfectamente coa música popular”. Tamén salienta das composicións de Codax que son “moi fermosas e ao mesmo tempo moi simples”. “Con moi poucos recursos, con moi poucas notas, con moi poucas florituras se elaboran ambientes moi envolventes, moi evocadores. Son o grande atractivo que teñen”.