VIGO

Vigo estrea roteiro literario

Xurxo Martínez dirixirá mañá o  percorrido, organizado pola Concellería de Normalización Lingüistica, que ao longo de nove paradas recuperará o vencello de Manoel Antonio, o escritor das vangardas coa cidade

Vigo estrea roteiro literario

Normalización Lingüística pretende recuperar a memoria de Manoel Antonio (Rianxo 1900, 1930), un dos principais poetas da vangarda galega. Guiados polo filólogo e investigador, Xurxo Martínez, amósanse novas facianas dun escritor pouco coñecido, a través do seu vencello con Vigo, onde residíu de 1920 a 1923, mentres estudaba na Escola Náutica. Comeza a andaina no numero 16 do Paseo de Alfonso, onde hai unha placa lembrando a súa estadía.

“Vigo non lle gustaba, pero pensaba que lle debía moito a esta cidade; dicía que era cosmopolita, pero que só se interesaba polo fútbol”, afirma Martínez, quen aludirá á carta que lle escribíu ao seu curmán retratando a vida diurna e nocturna: “Son relatos moi bonitos que recrean as estampas da cidade nos anos 20”. Os protíbulos, as tabernas e as cuncas de viño interesáranlle ata o punto de incluilos nos seus versos, como caracterizaba aos poetas da vangarda. Deso falarase na segunda parada, a Praza de Caravaca. 
Na Porta do Sol, alí estaba a sombrerería de José Mella, tratarase a influencia das ideas anarquistas do seu fillo, Ricardo Mella, nos seus poemas. Uns pasos máis alá, na Praza de El Pueblo Gallego, atópabase o estudo de Urbano Lugrís, “foi un dos poucos que reivindicou a Manoel Antonio, foi no 55 na revista ‘Atlántida”, indica Martínez, quen tamén abordará a relación que mantivo con Manuel Lustres Ribas, xornalista de El Pueblo Gallego e irmán de Augusto, quen enrolaría ao poeta.
No Tamberlick, xa desaparecido, celebrouse en 1921, as terceiras Irmandades Galegas, nas que participó, “neste contexto asina ‘Terra Ceibe’ con Xavier Soto Valenzuela, quen foi fusilado, un manifesto non que condena os concelleiros vigueses por votar contra o izado da bandeira galega xunto a española o día 25”. Así, Xurxo Martínez levará a comitiva ata rúa Urzaiz, onde estaba o Derby, “cando viña a Vigo dende Rianxo nos barcos das sardiñas participaba nas tertulias do café e alí coincidíu cos intelectuais do momento”. Un poeta esquecido e rexeitado tralo manifesto vangardista “Máis alá”, onde criticaba a Curros, Rosalía e Pondal, só Os Novos o reivindicaron, entre eles Cunqueiro (parada na súa casa en Marqués de Valadares) que lle adicou un escrito en 1933. A dúas últimas paradas son nas Avenidas, co bar Puerto, “Ferrín pensa que é o seu Navy Bar”, e onde se atopaba o xornal “Galicia”, de Paz Andrade no que escribíu e o espigón, pola importancia do mar da súa obra. “Manoel Antonio era solitario, individualista, militante intransixente, pero tamén rebelde”, apunta Martínez.