vigo

Vigo, enclave turístico dos Camiños á Compostela

Rubén Riós, a presidenta de Deputación, Carmela Silva e Alba Acebedo, guía de Soutomaior, onte en “Fair Way”.
photo_camera Rubén Riós, a presidenta de Deputación, Carmela Silva e Alba Acebedo, guía de Soutomaior, onte en “Fair Way”.

A presidenta Carmela Silva, con Rubén Riós e Alba Acebedo, explicou os seus atractivos na feira Fair Way, en Santiago

nnn A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao actor Rubén Riós e a guía do Castelo de Soutomaior Alba Acebedo, presentaron onte na feira “Fair Way”, en Santiago, as múltiples experiencias que a provincia de Pontevedra oferta percorrendo algunha das vías que por ela discorren cara a Compostela. 
Neste senso, sorprendendo cunha escenificación a modo de intercambio de opinións entre dúas amigas e un amigo que están a decidir o itinerario a realizar, Silva, Acebedo e Riós foron achegando información relativa ao Camiño Portugués, ao Camiño Portugués pola Costa, ao Camiño de Inverno, á Vía da Prata, á Ruta polo Mar de Arousa e ao Itinerario Cultural do Pai Sarmiento. 
Vigo e a súa comarca, a través do Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa, os que máis medran en número de peregrinos, tiveron un peso específico durante a presentación provincial. Recomendaron as vistas das  Cíes, Baiona e Cabo Silleiro, as praias de Nigrán e a propia cidade de Vigo, “onde pasear pola praia Samil, polo paseo do Lagares, coñecer o castelo de San Sebastián e O Berbés e degustar finalmente ostras na Pedra; percorrer as salinas romanas da cidade, as mellor recuperadas de toda a Península Ibérica, e unha vila romana en Toralla” apuntou a presidenta.
Amais da comarca de Vigo, están as opcións do interior pola Vía da Prata e o Camiño de Inverno, que atravesan as comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes co Pazo de Oca, a Fervenza da Toxa ou Mosteiro de Carboeiro. 
A comarca do Salnés está presente co itinerario cultural do Pai Sarmiento e coa Ruta Marítima do Mar de Arousa, chea de lendeas e tradicións xacobeas. Na súa conversa, os representantes da provincia insistiron na importancia de localidades como Cambados ou O Grove en relación ao enoturismo e á degustación de marisco. Nas inmediacións, Vilanova posibilita para a lembranza de Valle Inclán. Pontevedra, Tui, A Guarda con San Trega ou o Oia co seu mosteiro foron outros enclaves.
Amais dos recursos turísticos polos que atravesan as vías cara Compostela, a presidenta da Deputación intercambiou experiencias sobre produtos que todas comparten, como os viños da DO Rías Baixas, as carnes e mariscos, os restaurantes con estrela Michelín. Na “Fair Way” estanse a desenvolver reunións do sector público e privado no stand propio da Deputación  coa finalidade de “promover e dinamizar os camiños, este recurso turístico de primeira orde”. Tamén se promoven as experiencias que se poden realizar a través dos distintos itinerarios do Camiño e relacionadas coa gastronomía, enoturismo, cultura, arqueoloxía, termalismo e a camelia.n

Te puede interesar