verano

Samil convida a ler en galego

O posto de Os Libros ao Sol, a nova biblioteca de praia, ubicada no Paseo de Samil, xunto á Praia da Argazada.
photo_camera O posto de Os Libros ao Sol, a nova biblioteca de praia, ubicada no Paseo de Samil, xunto á Praia da Argazada.

Os Libros ao Sol é unha biblioteca de praia que ofrecerá un variado catálogo de 600 libros durante todo este mes, así coma actividades, contacontos, xogos e música para nenos e nenas

 Co obxectivo de fomentar a lectura en galego nace Os libros ao Sol, unha biblioteca de praia con 600 títulos de todos os xéneros e para todas as idades. Abre de 10 a 13:30 pola mañá e de 16 a 20:00 pola tarde, o que permite aos bañistas coller un libro ao chegar e devolvelo antes de marchar, aínda que tamén existe a posibilidade de levalos para casa. A oferta vai dende a literatura infantil e xuvenil ata o ensaio, pasando pola poesía, o teatro e a narrativa para adultos. Editoriais coma Galaxia, Xerais, Elvira ou Ir Indo son as máis repetidas nun catálogo que inclué tanto clásicos da literatura coma o máis destacado dos últimos anos 
Todos os títulos son en galego, tanto de autores galegos como internacionais, e segundo afirman dous dos bibliotecarios, Pablo e Juan, a acollida está sendo boa por parte de xente de todo tipo: “ao fin e ao cabo temos de todo, ata un libro de Harry Potter”. Porén, sí que é certo que a literatura para os máis pequenos ten un lugar especial nesta biblioteca, onde tamén organizan actividades para nenos e nenas todas as semanas: contacontos, música, xogos e moito máis para divertirse á vez que se aprende na nosa lingua. Son estas actividades as que concentran un maior número de persoas, e en xeral cóllense máis libros pola tarde que pola mañá. 
Ademais, haberá sorteos de libros, concursos de debuxo para a rapazada ou de citas literarias, e incluso un premio final ás dúas persoas máis lectoras, unha entre o público infantil e outra entre os adultos. Cada usuario terá o seu propio carnet da biblioteca, e cando esta chegue ao seu fin o día 30, os que fixeran máis uso del levaranse a casa un lote de libros e uns agasallos do Servizo de Normalización Lingüística do Concello, impulsores de Os Libros ao Sol xunto á Concellería de Xuventude. 
Este é o primeiro ano no que se leva a cabo unha iniciativa coma esta en Samil, aínda que xa leva anos facéndose en praias da Comunidade Valenciana ou de Euskadi e incluso noutros concellos galegos. Polo de agora o principal obstáculo é o mal tempo, pero espérase que a partir do luns o ceo esté despexado por completo e cada vez máis xente decida combinar a praia ca lectura dun bó libro. Este mes, para os visitantes da praia viguesa, máis fácil imposible.

Te puede interesar