DÍA DE ROSALÍA

Sete fotografías e un óleo para a marca galega con máis sona

Rosalía de Castro
photo_camera Rosalía de Castro

Fernando Pereira Bueno botou luz sobre á imaxe da poetisa no seu 177 aniversario

 “Rosalía de Castro é a marca máis importante de Galicia, o icono máis popular e recoñecible do galego”. Así definíu á poetisa Manuel Bragado, de Edicións Xerais, onte na presentación que fixo de Fernando Pereira. O autor de “Rosalía de Castro. Imaxe e Realidade” centrou os actos organizados co gallo do día de Rosalía, no 177 aniversario do seu nacemento con dúas conferencias no auditorio municipal, pola mañá e na Casa Galega da Cultura, pola tarde. Pereira analiza na súa publicación a imaxe que se tivo da escritora. “É un símbolo é a súa imaxe xoga un papel fundamental”, apuntou o  autor, para quen non existe outra figura cunha forza comparable na literatura galega: “Pode que Castelao se achegue, e ao mesmo que Rosalía, presenta unha representación fixa, coas gafas e sombreiro”. Das máis de douscentas reproduccións que existen dela tan só oito se fixeron en vida: sete fotografías e un óleo que marcaron o rostro que perduraría da considerada como Nai da literatura galega con pómulos marcados, boca grande e rizo sobre a frente.
A través dos anos o concepto que chegou de Rosalía foi mudando. Pasou de a tildar como morriñenta e tristona, a subila aos altares da reivindicación do idioma e da crítica social. E esta evolución tamén se atopa na difusión gráfica. “Cada xeración ten a súa propia visión, pasou dende a institucional, aburguesada, á máis moderna, redeseñada con estética Pop Art”, indicou Pereira.
A última descuberta sobre a reproducción da faciana da escritora tivo lugar o ano pasado: “É unha fotografía dun debuxo a carbón de Antonio Portela, que xunto ao positivado de José Sellier, é a máis repetida”, sinalou.Así Rosalía apareceu en nas bitolas dos puros, dende 1970 a 1975; nos billetes de 500 pesetas nos dende 1979, en camisolas ou en mensaxes reivindicativas como a feita polo deseñador Kiko da Silva, na publicación “Retranca” na que incorpora ao debuxo de Portela a lingua dos Rolling Stone na defensa do ensino en galego. “Na súa época a muller era invisible, e Rosalía conseguíu que a súa imaxe perdurase, se ben fora parte da elite social e non é representativa da galega de entón”, afirmou Pereira.n

Te puede interesar