vigo

El rector recibe la insignia de la Fundación Rosalía

Salustiano Mato, ayer con Anxo Angueira.
photo_camera Salustiano Mato, ayer con Anxo Angueira.

A Universidade de Vigo recibiu onte en Padrón a insignia de ouro da Fundación Rosalía de Castro como recoñecemento institucional polo apoio e colaboración mantida ao longo dos últimos anos en numerosos proxectos, tanto de tecnoloxización, como da posta en marcha dos Encontros na Casa de Rosalía, a celebración dos 150 anos de Cantares gallegos en Vigo ou no proxecto Rosalía é Mundial, unha iniciativa coordinada polo profesor Xosé Henrique Costas que traduciu a máis de 30 linguas dous poemas da autora. Os Encontros son unha actividade aberta ao público en xeral, pero pensada especificamente para o alumnado estranxeiro que aproveita a súa estadía en Galicia para achegarse á lingua e cultura galega e para o Programa de Maiores. 
A entrega da insignia, bautizada como Rosa de Galicia, tivo lugar ao abeiro da celebración da segunda edición dos Encontros na Casa de Rosalía, xornada que contou coa participación do reitor, Salustiano Mato, quen recibiu a insignia de mans do presidente da fundación, o profesor e escritor Anxo Angueira, quen lle agradeceu á Universidade de Vigo e ao seu reitor a colaboración de todos estes anos.
Hoxe continuarán os recoñecementos da Fundación Rosalía e da Casa-Museo. Con motivo do Día Internacional da Muller, renderanlle homenaxe ás poetas Xohana Torres, María do Carme Kruckenberg, Pura Vázquez e Xela Arias, que formaban parte do grupo Daquelas que cantan. Será a partir das 19.00 horas e intervirán Helena González, Mercedes Queixas, Camiño Noia e Chus Nogueira, coordinadas por Ana Blanco. Ao rematar haberá un concerto con arpa a cargo de Rodrigo Romaní.
 

Te puede interesar