vigo

“La Oliva”, a proba do pasado liberal da cidade

Xurxo Martínez presenta hoxe a súa tese sobre “La Oliva”, na facultade de Filoloxía.
photo_camera Xurxo Martínez presenta hoxe a súa tese sobre “La Oliva”, na facultade de Filoloxía.

Na súa tese, o filólogo Xurxo Martínez González reivindica o pasado progresista de Vigo a través da publicación dos Chao

O vencello do Vigo do século XIX co mundo da imprenta xa foi estudado con relación a Juan Compañel e publicación máis sonada da súa casa, “Cantares Gallegos”, de Rosalía de Castro. Xurxo Martínez indaga máis neste episodio local a través da súa tese sobre a primeira fase da publicación viguesa de “La Oliva”, de 1856 a 1857. Asegura que “unha das partes da miña investigación consiste en reivindicar o papel de Vigo dentro do Rexurdimento”. Recolle no seu estudo que o desenvolvemento industrial leva consigo o crecemento demográfico, empresarial e modernización. “É entón cando chega a imprenta e os xornais que funcionan como voceiros ideolóxicos, pola banda conservadora estaba ‘El Faro de Vigo’, e pola progresista ‘La Oliva’, da familia Chao”, engade.
Para Martínez, rómpese coa imaxe exclusivamente proletaria que sempre acompañou a Vigo: “Tradicionalmente se relaciona a arte con Coruña polo apoio da burguesía; a vida universitaria correspondía a Santiago e Vigo quedábase como a traballadora, pero este movemento demostra que nesta cidade tamén existían inquedanzas culturais”. O autor chega máis alá  defendendo que “Vigo é unha cidade liberal dende a Reconquista, cando se expulsou aos franceses, se botou fora os abusos do exército de Napoleón, pero conservaron ás súas ideas; a imaxe que se ten dun Vigo e dunha Galicia conservadores é falsa”.
“La Oliva” reúne a firmas de destacados provincionalistas, defensores da identidade galega como Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre e Rodrigo Seoane, pero tamén os principais representantes do liberalismo máis puro con Castelar, Pi y Margall ou Eduardo Chao.
“La Oliva” foi un proxecto da familia Chao e do seu cuñado Juan Compañel, todos relacionados cos círculos máis radical. O punto de encontro dos afíns era na Praza da Constitución, na rebotica de José María Chao, químico sospeitoso de ter mandado unha carta bomba ao Capitán Xeneral de Galicia.
Xurxo Martínez defenderá a súa tese hoxe, ás 11 horas, na facultade de Filoloxía.n

Te puede interesar