XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN Premio Laxeiro 2018

“A obra de Laxeiro conformou a miña idea de que hai unha pintura galega de nivel”

O escritor Méndez Ferrín.
photo_camera O escritor Méndez Ferrín.

 Xose Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1934) recibirá o Premio Laxeiro 2018 en recoñecemento pola súa traxectoria literaria. Así, a Fundación Laxeiro ofrece unha dobre homenaxe ao escritor e ao pintor, xa que a entrega coincide co xantar que se celebrará o 24 de febrero en lembranza á xuntanza que organizaba Laxeiro (Lalín, 1908/Vigo, 1996) co gallo do seu aniversario. 
Coa templanza que dá a experiencia, Méndez Ferrín acolleu a nova da distinción coa que entra a formar parte dunha familia de galardonados que se iniciou eeste século, en 2004.
O Premio Laxeiro ten unha carga emotiva grande, que supón para Ferrín recibir esta distinción?
Eu son un gran admirador de Laxeiro. Dende que era neno me sentín motivado e chamado polo seu mundo, pero a verdade é que non fixen nengún escrito relacionado coa obra de Laxeiro.
Aínda que de xeracións diferentes, ambos forman parte do círculo intelectual que coincidíu en Vigo. Tiveron  relación?
Si, trateino en vida. Cando eu comecei na literatura, el estaba en Bos Aires, pero tiñamos amigos en común. Eu coñecía a súa obra e Vigo estaba cheo de cuadros de Laxeiro por todas partes. Cando regresou a Galicia, mantivemos moitos encontros.
Vostede recoñécese admirador de Laxeiro, e o artista? Coñecía os seus libros?
Nunca falamos de literatura. Tratábamos de cuestións etnográficas e da cultura tradicional, pero tamén de política. Hai un aspecto de Laxeiro pouco coñecido, é a súa obra literaria, quedou apagada pola súa actividade artística. Pero é que tan pouco se podía adicar a todo!
Cal é a principal lembranza que garda de Laxeiro?
Nada en especial. Recordo os seus cuadros nos espazos públicos que me chamaban a atención. A súa obra conformou a miña idea de que hai unha pintura galega de nivel, por ese estilo tan especial de Laxeiro, ese xeito de pintar tan narrativo.
Acudíu algunha vez ao xantar organizado polo aniversario de Laxeiro?
Non, nunca coincidíu. Esta será a primeira vez.

Te puede interesar