MARÍA ALONSO SEISDEDOS Tradutora, primeiro premio Xela Arias

“Na nosa profesión hai que xogar e interpretar a literatura, cada quen faráo dun xeito”

María Alonso recibirá o 1 de decembro o Premio Xela Arias.
photo_camera María Alonso recibirá o 1 de decembro o Premio Xela Arias.

 Entre as dez candidaturas presentadas para o primeiro premio de Traducción Xela Arias, a entidade convocante, Agpti (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación) outorgou o galardón a María Alonso Seisdedos.

Entre os seus logros está ter realizado, xunto a Eva Almazán, Xavier Queipo e Anton Vialle, a tradución do “Ulises”, de James Joyce. Como se asume un reto así?

Entre o pracer e a tortura. É case como traducir un poema de mil páxinas. Xoga coas palabras dende a primeira letra. A sorte é que hoxe hai moita información sobre a obra e a súa interpretación, é algo que nos facilita moito o traballo. Non foi así cando o asumíu Otero Pedrayo ao pouco de se ter publicado.

O labor do tradutor vai máis alá de pasar as palabras dun idioma a outro, pero iso non sempre se coñece.
Se fora só cambiar palabras ben o podía facer un tradutor automático como o de Google, por dicir o máis coñecido. No noso traballo hai que xogar e intepretar a literatura. Cada persoa faráo dun xeito diferente. Por exemplo, Xela Arias e máis eu somos da mesma época, pero non teríamos feito unha tradución igual.
Cre que se recoñece esta aportación tan persoal?

Avanzouse moito. Pasamos de non aparecer sequera citados, a recollernos nos créditos. Algúns consideran a tradución como un valor engadido é póñeno en portada. Eu penso que o lector ten dereito a saber quen fixo a tradución, pode que non lle guste e prefira outra.
É a súa unha profesión solitaria?

Escollina precisamente porque eu son solitaria e gústame traballar soa, aínda que tamén se poden facer traducións a catro mans. Para min, o silencio e o aillamento son esenciais para traballar.

Antes de traducir libros, adicouse á dobraxe. Cambia moito traballar na escrita que no audiovisual?
É completamente distinto. Aprendín a traducir diálogos. Hai que utilizar unha linguaxe fresca e natural, e afíxenme. Como hai que se limitar a un espazo físico e temporal concreto, fai coller moita maña na tradución.

O 1 de decembro en Culturgal terá lugar a entrega do Premio Xela Arias. Que supón esta distinción?
Estou moi emocionada porque é un galardón dado pola colegas. Eu coñecín a Xela Arias e teño unha anécdota moi curiosa con ela  que compartiréi o día da entrega.

Te puede interesar