VIGO

Non todo son letras no 17 de maio

A cidade énchese de propostas culturais para a festividade da literatura galega con música, contacontos, obradoiros infantís, visitas guiadas ao museo, un mercado da arte e tamén poesía

O Auditorio acollerá o festival de corais a partir das 18 horas (centro)
O Auditorio acollerá o festival de corais a partir das 18 horas (centro)
Non todo son letras no 17 de maio

nnn O mellor xeito de celebrar o Día das Letras Galegas, adicado este ano a María Victoria Moreno, é con cultura, xa que é a festa da creatividade do país. Así, mañá, aínda que festivo, Vigo ofrece numerosas alternativas de lecer.
Xa pola mañá, ás 11 horas, a Alameda de Bouzas acolle a súa particular homenaxe á escritora, unindo a literatura coa tradición popular no obradoiro de elaboración dun Maio. O programa matutino, organizado pola Asociación Cultural da Vila de Bouzas, rematará co Teatro do Conto que interpretará a obra de Moreno, “A festa no faiado”, protagonizado por Paula Vecino e Inés Pujales.
Na zona de As Travesas, no Museo Liste, na rúa Pastora, celebrarán o seu primeiro día de portas abertas cunha actividade especial: Ás 10.30 horas, realizarase a recollida de verbas en desuso; ás 11:30 horas, os rapaces poderán crear un mural adicado á homenaxeada, que finalizará co sorteo de varios dos seus libros. A esa mesma hora comezará unha visita guiada pola colección permanente e temporal. Para finalizar a xornada, ás 12.30 horas, farase entrega dos premios dos concursos de fotografías e relatos.
Ao longo de todo o día, de 11 a 21 horas, a praza de abastos do Calvario convertirase nun Mercado da arte, cambiando o peixe e o marisco por creacións e artesanía. Incluirá música en directo, contaconto e obradoiros, para finalizar as actividades ás 19 horas coa subasta de arte, seguido do concerto de clausura.
Chegada a tarde a oferta amplíase con corais, música sinfónica e poesía. Así, ás 18 horas, no Auditorio de Beiramar, acollerá o festival de corais “Día das Letras Galegas”, coa participación de dez agrupacións: Orfeón Airiños e as corais de Santiago Apóstol, Máximo Gorki, Agarimo, Zamáns, Vivacce, San Pelaio de Navia, Torreiros de Coia, Airiños e Helios.
Xa ás 20.30 horas, noutro auditorio, no municipal, a Orquesta Clásica de Vigo intepretará os temas da compositora Marianna von Martínez (século XVIII). Contará coa participación de Silvia Penas (de Cintaadhesiva), quen recitará unha selección de poesía local.
De xeito simultáneo, a uns metros de alí, na rúa Londres, no Muro dos Poetas, o Festival Kerouac organiza unha sesión de micro aberto e a lectura de poemas galegos, onde xa están confirmados catorce autores da lírica contemporánea local.
Os que aínda así prefirán saír da cidade, Mar de Ons ofrece viaxes a Cíes, por 16 euros, con nenos ata 12 anos gratis, con saídas ás 10.45, 12:25, 15.30 e 17.45 horas.n