SUSO MOINHOS

“Neira Vilas foi quen me animou a publicar memorias dun neno labrego en esperanto”

O vigués Suso Moinhos é poeta, filólogo e profesor.
photo_camera O vigués Suso Moinhos é poeta, filólogo e profesor.

Suso Moinhos (Vigo, 1970)estudou Filoloxía Galega na Universidade de Santiago e actualmente cursa un posgrao de esperanto nunha universidade polaca. Dende 2015 forma parte da equipa de redactores da revista literaria Beletra Almanako. É profesor sustituto de galego nun instituto, traductor e poeta no idioma esperanto.
 

nnn  Suso Moinhos é un dos 400.000 falantes de esperanto que pode haber como mínimo no mundo. É unha lingua creada polo médico polaco  Zamenhof en 1887. A idea era ter un idioma fácil de aprender e neutral, máis axeitado para a comunicación internacional que outras linguas. Moinhos non é so falante, tamén escribe e traduce neste idioma “planificado”. A editorial neoiorkina Mondial acaba de publicar a súa traducción de “Memorias dun neno labrego” ao esperanto: “Memorajoj de kampara knabo” e xa se está comezando a ler en países como Xapón. Moinhos non cobra nada polo libro, pero lle queda a satisfacción de divulgar esta xoia da literatura galega. Da súa faceta poética en esperanto destaca a súa participación este verano no Festival de Poesía do Mediterráneo en Palma, xunto con poetas de moitas linguas.

Por que traduciu esta obra de Neira Vilas ao esperanto?
Todo empezou en 2010, cando quixen publicar algún texto da literatura galega na revista Beletra Almanako. Optei por un dos capítulos, “Pachín”, que fala do perro. Os capítulos de “Memorias dun neno labrego” teñen unha unidade temática moi grande e permite presentalos de maneira independente sen problema. É o libro máis lido na literatura galega e pedínlle permiso a Xosé Neira Vilas. Él, moi animado, dixo que porqué non lle traducía o resto do libro.


Canto tempo tardou en facelo e qué foi o máis difícil?
En principio dinme conta de que necesitaba prepararme para unha traducción. Son lingüista pero descoñecía os trucos da profesión de traductor ao esperanto. Estudiei con calma outras obras traducidas durante dous anos antes de comezar. O máis difícil foi a riqueza da lingua e a fraseoloxía porque  “Memorias dun neno labrego” está cheo de frases feitas, comparacións fixas, expresións, xiros.

Que pensa da obra?
Eu quedo cos valores universais que transmite, como a amizade, o amor, o respecto aos maiores, o cariño á natureza, a xustiza social.  Neira Vilas tivo moita habilidade ao presentar todo co monólogo interior de Balbino, un rapaz ao cal a aldea lle quedaba pequena.

Cantos falantes ten o esperanto e por qué non funcionou como lingua universal?
Non hai un censo, debe haber como mínimo tantos falantes como do maltés ou o islandés. Son dos que pensan que o esperanto sí funciona en comparación con outras linguas inventadas. O éxito non foi maior porque hai intereses creados, as linguas esténdense por razóns políticas e económicas. Cando China comezou a despuntar como país próspero na economía mundial todo o mundo se apuntou a estudar chinés e hoxe temos o inglés como lingua vehicular no ensino cando non é lingua oficial. O esperanto nunca contou con poder político, económico ou cultural.

No seu caso concreto, cando decidiu estudar este idioma?
Foi casualidade. A mín sempre me atraeron as linguas e un día, nos anos oitenta, vin unha entrevista pola televisión a uns esperantistas. Viña un enderezo en Madrid y a partir de ahí fixen un curso por correspondencia en Alacante, porque non había internet. Entón entrei en contacto co grupo vigués de esperanto, que agora xa non existe e que se reunía no Mercantil.

Había xente coñecida?
O principal motor do grupo era Xulio Bueno, un antigo anarquista que fixera parte no seu día da resistencia a Franco. Teño unha pequena historia con él.

Que pasou con Xulio Bueno?
Un día saíndo da reunión do Mercantil este señor, que tiña 90 anos, preguntoume se eu non sería neto de Gonzalo (sí o era) e contoume a historia. Él era de Ferrol e o meu avó tamén. De pequenos xogaban xuntos na Graña. Co tempo a vida de cada un foi por camiños distintos. Este home fíxose anarquista da resistencia franquista e o meu avó fíxose militar franquista. Durante a Guerra Civil meu avó acertou un día en ver unha lista dos que debían ser axusticiados ao día seguinte e nesa lista recoñeceu ao seu compañero de xogos da infantil. Fixo o posible por salvalo e salvouno. Este home, con bágoas nos ollos, díxome: “fíxate, eu amo o esperanto e que voltas da a vida que o esperanto me trae agora ao neto do home que me salvou a vida”.

En que proxectos traballa?
Na revista Beletra Almanako ás veces propoño aos meus compañeiros publicar textos traducidos doutras literaturas. Teño traducido da literatura romanesa, da literatura moldava, de literaturas africanas en portugués, de literatura portuguesa e da galega. No próximo número vou publicar o relato “A rapaza do circo” da obra “Vento ferido” de Carlos Casares. Teño outro proxecto que é publicar unha antoloxía da poesía galega dende o cambio de século, dende o 2000 ata agora, en esperanto.

Pola traducción que fixo de  “Memorias dun neno labrego” non cobra nada?
A actividade editorial en esperanto é moi limitada, as editoriais tentan cubrir gastos, e os traductores e os autores non cobramos nada. É un traballo moi voluntarista. A única satisfacción é ver que hai persoas no Xapón por exemplo que están lendo “Memorias dun neno labrego” e que lles esta gustando, segundo vin no blog. É e o unico que vou levar. n
 

Te puede interesar