SES CANTAUTORA QUE ACTÚA ESTE VENRES EN VIGO

“A muller encádrase como cantante, pero eu son a dona de todo o proceso creativo”

nnn  SES (María Xosé Silvar) presenta o venres, ás 21 horas, o seu último traballo, “Readmirando a condición” nun concerto no Auditorio Mar de Vigo.

SES presentará novo disco o venres en Auditorio Mar de Vigo.
SES presentará novo disco o venres en Auditorio Mar de Vigo.
“A muller encádrase como cantante, pero eu son a dona de todo o proceso creativo”

Feminista, galeguista, reivindicativa, pero tamén cun gran sentido do humor, SES aproveitou a promoción do disco para sincerarse ante os lectores de Atlántico.

O traballo co que chega é unha revisión do seu primeiro disco. Por que volta a el despois de sete anos?
Por dous motivos: non era propiedade miña e non tiña potestade para reditalo e por outra, así desquítome dun show que no que non me sentía identificada, onde me vexo como unha chica asustada que chegaba á música.
Xa superou os medos?
Traballo para eso e xa son consciente do meu papel.
Dende un comezo reivindicou os dereitos da muller, existe machismo na música?
Igual que no resto, pero no mundo da música hai un aspecto que me molesta especialmente. A muller sempre se encadra como cantante, e eu non me caracterizo por ser unha boa vocalista e non creo que o sexa nunca. Pero escribo, produzo, edito e mezclo a miña música, por que é tan difícil de asimilar? Esta é a cuestión a que me teño que enfrentar. Eu son a dona de todo o proceso creativo, pero ninguén o dá por sentado, pénsase que son unha imaxe. No caso dos cantautores isto non pasa.
As súas letras non sempre son politicamente correctas. Pensa que a liberdade de expresión está sesgada neste país?
Eu non son  politicamente correcta, son politicamente exacta, e claro que non existe liberdade de expresión. É obvio. Só se poden dicir burradas se son brutais contra un lado, racistas, homófobas ou machistas, pero se falan de nacionalidades históricas, hai problemas.
Cantando en galego logrou situar  “Opoñerse á extinción” entre os discos máis vendidos. Significa que a música non entende de idiomas?
Este tema interésame moito e xa impartín conferencias sobre isto en universidades de Varsovia e de Euskadi. Hai unha idea de que as linguas minoritarias non valen para cantar. Nun momento en que case non se venden discos, o meu en galego entrou entre os 85 máis vendidos sen estar avalada por ningunha multinacional. Esto é interesante pola mensaxe que lles dá aos mozos que estean empezando na música: teñen que cantar no seu idioma, o que dominan e no que poden facer un bo texto, non se debe perder a identidade. Esto non só atinxe ás nacións inestables, hai xéneros musicais como o blues que non se teñen letras en español ou en alemán. O problema que hai detrás é a pauperización, un neno fai música non porque lle guste, senon porque quere ser famoso. A homoxeneidade é a falta de orixinalidade. 
A diferencia do seu sonido é a fusión dos estilos actuais coa música de raíz. Como xestiona este equilibrio?
Non o xestiono porque a música sae de xeito natural. Eu aprendín da miña xente e vomítoo.n