vigo

As mellores mensaxes de amor xa teñen premio

Os gañadores posaron na foto de familia unha vez finalizada a entrega de premios, cos representantes políticos, encabezados polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e os músicos que amenizaron a cerimonia.
photo_camera Os gañadores posaron na foto de familia unha vez finalizada a entrega de premios, cos representantes políticos, encabezados polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e os músicos que amenizaron a cerimonia.

Política Lingüística e Xuventude entregaron os galardóns do certame “Lingua de Namorar” ao abeiro do Vindel

Dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en internet e na mensaxería instantánea é o obxectivo do concurso Lingua de Namorar. Organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, onte, coincidindo co 14 de febreiro, fixo entrega dos premios no Museo do Mar, aproveitando a presenza do Pergamiño Vindel, un referente da lírica medieval galega. O acto estivo presidido polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que animou aos escritores a seguir cultivando o galego.
O xurado deu a coñecer o seu fallo o 6 de febreiro, despois de escoller entre as 50 mensaxes máis votadas na súa web.
Na categoría de 14 aos 19 anos,  resultaron galardonados co primeiro, segundo e tercer premio “Muiñeira”, de Nee Barros Fernández (Marín); “Tes lume?”, de Ania Ferreira Longueira (Vigo) “Amor adiantado”, de Uxía Martínez Cabadas (Vigo), respectivamente.
No caso dos escritos feitos por autores de entre 20 e 35 anos, foron premiados, “Infinito”, de Teresa Pérez Lousame (Lousame); “Fagamos melodía”, de Aitana Iglesias Márquez (Narón) e “Terroristas”, de Iria Carreira Pazos (Arzúa), do primeiro, segundo e terceiro posto.
Aos gañadores desta edición correspondéronlle tres premios por cada unha das categorías. Na primeira (de 14 a 19 anos) Nee Barros recibíu un Hoveboard Nilox (con rodas 6,5 e unha batería 20 km. que é quen de alcanzar a velocidade máxima 10 km por hora); Ania Ferreira recolleu unha cámara Fuji instantánea mini 9 (para fotos de 62 x 46 mm.) e no caso de  Uxía Martínez entregáronlle un auricular Panasonic Diadema (con bluetooth e 20 horas de autonomía).
Na segunda categoría, Teresa Pérez recibíu un Smart TV Panasonic 32” (Full HD, TDT2, navegador web, 2 x HDMI); Aitana Iglesias, un Smartphone Wiko 5” (16 GB, 4G, IPS HD, Android 7, 5/13 Mpx); e Iria Carreira, unha cámara deportiva Mini Wifi 2”.
Asemade, todos eles foron agasallados cunha reprodución facsímile do Pergamiño Vindel, para conmemorar do seu regreso a Vigo perante cinco meses.

A inspiración no folk, na cultura musical e nos sentimentos

 Na primeira categoría, engailaron ao xurado unha  reinterpretación da cantiga popular “Bailaches Carolina?”, Nee Barros: “Amarte hei, Carolina, como o lagarto á saia, coma as ferreñas á pandeireta e coma as cunchas ás panxoliñas; para fundírmonos xuntos nun aturuxo indecente dunha tenra foliada”. Unha confesión dun acto cotiá como pedir lume e o intercambio miradas protagonizou a segunda mensaxe de Ania Ferreira: “Tes lume?, preguntei. El tendeume un chisqueiro. Eu ante a súa mirada comecei por dentro a arder. Creo que nunca chegamos a falar no mesmo sentido”. Finalmente, Uxía Martínez falou dun amor especial: “Se importa máis etiquetar nunha foto dun ‘Quérote’, en vez de dicilo; se importa máis unha cariña sorrinte, que un aloumiño na mesma face; se o que importa é contestar rápido ás mensaxes... Eu négome! Volvamos poñer os escritos de moda, as cancións dedicadas e os bicos baixo a choiva. Namoremos. Seica non necesitamos tanto adianto”.
Os premiados entre 20 e 35 anos abordan o metafísico como Teresa Louzane: “Somos a colisión das liñas de fuga; a converxencia das variables ti e eu na constante nós”; a cultura musical como metáfora dunha relación no escrito de Aitana Iglesisas: “Róubaslle a Freddie o poder de reinar. Déixate de Rolling, o teu swing faime rabiar. Non preciso a ACDC, ti xa es a miña star. Se es Quinta Sinfonía, pelexo con Beethoven por te tocar. Fagamos melodía, non deixemos de soar. Porque a vida, sen ti, é un Sinistro Total”, ou un clásico canto ao amor de Iria Carreira: “Dino tódolos poetas: cando ti me bicas párase o mundo. A Terra frea o seu xiro, a Lúa muda a súa órbita, invírtense os polos magnéticos. Vannos acusar de terrorismo porque lle descontrolamos tódolos satélites ós yankis”.

Te puede interesar