vigo

A literatura de Ferrín únese con Laxeiro

Ferrín, tras recibir o premio, xunto con Bragado (esquerda), o alcalde Abel Caballero e Carlos García-Suárez Otero.
photo_camera Ferrín, tras recibir o premio, xunto con Bragado (esquerda), o alcalde Abel Caballero e Carlos García-Suárez Otero.

O recoñecido escritor destaca a influencia dos seus cadros ao recibir o premio que leva o nome do pintor de Lalín

nnn Xosé Luís Méndez Ferrín, un dos nomes máis importantes das letras galegas, pertence dende onte ao universo 'laxeirán' ao recibir o premio que leva o nome doutro galego universal do mundo da cultura, o pintor José Otero Abeledo “Laxeiro” (Lalín, 1908 - Vigo, 1996). O galardón, outorgado pola Fundación Laxeiro, con sede en Vigo, serviu para que o mundo da cultural rendise homenaxe a un mestre literario como Méndez Ferrín, autor de obras fundamentais como “Con pólvora e magnolias”, “Percival e outras historias”, “Arrabaldo do norte”, “Retorno a Tagen Ata”, “Arraianos” ou “No ventre do silencio”.
O acto celebrouse no restaurante Puerta 98 de Vigo (antes Puesto Piloto), lugar no que Laxeiro reunía cada ano aos seus amigos ao redor dun xantar tradicional. O encargado de ler a acta oficial foi o secretario do Padroado da Fundación Laxeiro e neto do pintor, Carlos García-Suárez Otero, quen dixo do seu avó que “Laxeiro foi valedor das artes plásticas sendo un dos 'bos e xenerosos”.
A figura do escritor galardoado foi glosada polo editor Manuel Bragado, director de Edicións Xerais, quen dixo que “Xosé Luís Méndez Ferrín soñaba con Laxeiro na narración dos seus cadros porque todos eles contaban historias”. “É un dos maiores renovadores da cultura galega”, concluíu.

“parte dos meus soños
“Os cadros de Laxeiro contribuíron a formarme nas artes escénicas”, explicou o propio Ferrín ao recibir un premio do que, dixo, non se sentía merecedor. “Sendo rapaz os seus cadros formaban parte dos meus soños. As súas cores, a súa luz, as súas historias enchían a miña imaxinación”, confesou.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, en calidade de presidente do Padroado da Fundación Laxeiro, dixo que “algún día alguén escribirá sobre estes momentos, sobre estes encontros no tradicional xantar a Laxeiro, nos que homenaxeamos a personas tan importantes como Méndez Ferrín, do que me declaro permanente seguidor”.
O acto reuníu a cento de persoas da vida cultural, política e empresarial galega, como o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; os artistas Acisclo Manzano, Xosé María Barreiro, Antón Pulido, Silverio Rivas (Premio Laxeiro 2016) ou Xavier Magalhaes, entre outros.
O xantar, como cada ano, serviu para lembrar a figura de Laxeiro, o pintor que conseguiu fusionar tradición con modernidade. Aínda que boa parte da súa actividade artística a desenvolveu en Arxentina, regresou a España en 1970 e os últimos anos os pasou en Vigo. Foi, xunto con outros pintores como Luis Seoane, Manuel Colmeiro e Carlos Maside, membro do chamado grupo de “Os renovadores" dentro da vangarda artística galega. n

Te puede interesar