vigo

Intelectuais e artistas piden a posta en valor do Arquivo Municipal

O Arquivo Municipal atópase no segundo soto do Concello.
photo_camera O Arquivo Municipal atópase no segundo soto do Concello.

Membros da clase cultural viguesa apoian unha solicitude para a posta en valor do Arquivo Municipal e o seu traslado a un lugar máis propicio para exercer a súa función.

Escritores como Xosé Luis Méndez Ferrín, Ledicia Costas, Franco Grande ou María Xosé Queizán; a artista Menchu Lamas, o editor Manuel Bragado; os profesores e investigadores, Camiño Noia, Gerardo González Martín, Alejandro Alonso, Xosé Carlos López Bernárdez, Xurxo Martínez ou Xoán Carlos Abad, tamén presidente do Instituto de Estudos Vigueses; así como a creadora escénica, Marta Pérez; o director de Normalización de la Uvigo, Paulo Cabral; a xornalista María Xosé Porteiro ou Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador asinaron un manifesto onde piden ao goberno local unha revalorización do Arquivo Municipal. No escrito, que enviará a tódolos grupos municipais, amosan a súa “preocupación polo actual estado do arquivo”, facendo fincapé na súa ubicación, nos sotos do Concello, “a carón do garaxe”, algo, que ao seu parecer “denigra a cultura viguesa”.
Así, critican a falta de persoal, a ausencia dunha dirección, a escasa clasificación e a case nula dixitalización dos documentos, asemade da inexistencia dunha páxina web. Para os asinantes do manifesto “o arquivo dunha cidade é o sagrario da memoria municipal, onde se custodia a historia escrita”.
Entre as consultas que se fan ao Arquivo Municipal destacan as relacionadas con Urbanismo, xa que a Xerencia carece dos fondos históricos con planos orixinais de rúas e edificios. Tamén custodia nas súas estanterías unha hemeroteca. Pese ás lagoas da prensa diaria, no referente ao Boletín Oficial da Provincia (BOP), a colección é bastante completa, incluso con máis números que a propia Deputación, quen chegou a solicitar varios exemplares.n

Te puede interesar