vigo

A festa das letras nas Cíes

Escolares de Vigo, Vilagarcía, Ribeira e Bueu disfrutaron, cos Bolechas, dun Día do Libro, nas Cíes, apoiando a promoción do Parque Nacional a Patrimonio Natural da Unesco.
photo_camera Escolares de Vigo, Vilagarcía, Ribeira e Bueu disfrutaron, cos Bolechas, dun Día do Libro, nas Cíes, apoiando a promoción do Parque Nacional a Patrimonio Natural da Unesco.

A Consellería de Educación convidou a 109 escolares a coñecer as illas da man dos Bolechas polo Día do Libro, pero tamén co gallo do Ano Europeo do Patrimonio Cultural e como apoio á candidatura ante a Unesco

Os seis irmáns Bolechas colleron o barco a Cíes para acompañar a 109 rapaces de entre 6 e 9 anos a unha xornada das illas, co Día do Libro como detonante e co respecto polo Medio Ambiente como obxectivo. Os nenos, escolares dos concellos aos que pertencen as illas do Parque Nacional, de Ría de Vigo (Vigo), A Lomba (Vilagarcía), A Pedra (Bueu) e Heroínas (Ribeira), foron invitados pola Consellería de Educación e Cultura e recibiron a súa chegada un exemplar da guía “Os Bolechas van ás illas atlánticas”.
O conselleiro Román Rodríguez  tamén se desprazou á illa na compaña do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves. Remarcou a importancia de favorecer o acceso dos máis pequenos aos libros: “Hai que fomentar o hábito da lectura nos máis novos, e así o estamos a facer cos plans de dinamizacións das bibliotecas escolares”, indicou.
Asemade, o responsable da Consellería xustificou a elección dun marco tan privilexiado no triple simbolismo do acto de onte: á conmemoración do 23 de abril engadíulle a celebración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural que en Galicia se centra nas Illas Atlánticas, e como apoio para potenciar a candidatura do Parque Nacional como Patrimonio da Humanidade da Unesco. Precisamente a esta campaña de promoción uníronse os Bolechas coa última entrega das súas aventuras que se desenvolven nas illas. Os 109 rapaces, xunto aos seus mestres, participaron toda unha serie de actividades dirixidas a aprender a disfrutar da Natureza respectando e coidando o ecosistema. Así, guiados polos Bolechas adentráronse no Parque dende o peirao, cruzaron dende a illa de Monteagudo ata a do Faro, pasando a carón da Lagoa dos Nenos. Deixaron atrás o cámping e ascenderon ata o monte do Faro, para pasar xunto a Pedra da Campá e descubrir o Alto do Príncipe no medio dos cantís. Os guías que os acompañaron amosáronlles bolboretas, corvos mariños, carráns, paíños e moitas gaivotas patiamarelas. Aínda que o tentaron non deron con nengunha musaraña. Despois do xantar, puideron xogar na praia antes de coller o barco de volta, onde lles agardaba a última sorpresa: unha familia de golfiños que apareceu no medio da Ría.

Te puede interesar