vigo

“Os fareiros sufriron no seu momento unha situación semellante á reconversión naval”

Xosé Lois Ripalda presenta o seu último libro de contos populares.
photo_camera Xosé Lois Ripalda presenta o seu último libro de contos populares.

Lois Ripalda (Chantada, 1940), con 85 anos, aborda novos proxectos cada día. Amante da etnografía e gran coñecedor da mitoloxía galega, nesta ocasión, ven de presentar o seu libro “Lendas, contos e historias ao pé do lume”, onde unha vez máis bota man da súa experiencia como mestre rural, antes de se afincar no centro vigués Celso Emilio Ferreiro.

 Tal e como el mesmo explica, nesta publicación presenta relatos envoltos na tradición popular e cunha dose de imaxinación propia.

Que lle motivou a escribir sobre lendas e contos galegos?
Hai que recuperar esta tradición antes de que desapareza. Ademais son coñecementos que fun acumulando no meu percorrido polas escolas de Galicia e Asturias. Aquí escribo contos ambientados en distintos contextos.

Abre o libro cos vagalumes do mar, os fareiros. Que lle engaiola destas personaxes?
É unha especie de homenaxe a unha xente que o pasou moi mal. Os fareiros sufriron no seu momento unha situación semellante á reconversión naval. De súpeto, chegaron a automatización, xa non facían falla e houbo quen non o aceptou ben. Aquí recollo historias onde son os protagonistas nunha contorna romántica. Outro oficio do que escribo, no apartado ‘As Rodas de Pedra’ é o de os muiñeiros. Foron uns personaxes moi discutidos no seu tempo.

O apartado do monte adicouno ao lobo. Pensa que foi tan determinante na Galicia rural?
Chámoo o sabio de monte, porque nas aldeas sempre tivo unhas connotacións especiais dominadas polo medo. Ao longo dos tempos mostrou unha actitude de rivalidade co home. Hai quen pensa que lobo mata a todo o rebaño, cando cunha ovella saciaría a fame, para facerlle o máximo dano ao gandeiro. É unha guerra que ten que gañar. 

No capítulo “Vixiantes dos Cumios” apréciase un tono reinvidicativo. 
Bueno, en Castela teñen o Cid, aquí a Roi Xordo que loitou contra os señores feudais en Moeche e case non se coñece. Esta sección adícase as intrigas dos castelos e a propensión á guerra dos nobres. Reivindico o papel da muller, porque nesta época sempre sae mal parada. Eu cambio o final e deixa de ser perdedora.

Ademais de “Lendas, contos e historias ao pé do lume” este ano volve a publicar no Almanaque Agrícola. Cal é o segredo para gañar seis edicións seguidas?
Traballo moito os temas. Nesta presentei un estudo sobre a pesca fluvial en Galicia. Documéntome en libros, testemuñas directas e a experiencia propia nas localidades do Miño.  Eu collo notas de todo o que vexo.

En que está a traballar agora?
Considérome un narrador de historias, por iso o meu seguinte proxecto é un conto infantil protagonizado polo inspector Chumbo. Aínda que a etnografía nunca a deixo. Estou preparando unha escolma de costumes baixo o título “Terra e auga”.n

Te puede interesar