vigo

A descuberta dun Laxeiro, humorista gráfico

Javier Buján, Cayetano Rodríguez e Manuel Iglexas presentaron onte a exposición, que hoxe abrirá na Fundación Laxeiro.
photo_camera Javier Buján, Cayetano Rodríguez e Manuel Iglexas presentaron onte a exposición, que hoxe abrirá na Fundación Laxeiro.

Unha mostra e un libro poñen en valor as 49 viñetas que o artista publicou en prensa na súa mocidade

nnn Unha nova faciana de Laxeiro amósase este serán coa inauguración da exposición “Os monos de Laxeiro, obra humorística na prensa”. Comisariada por Manuel Igrexas, mostra as 49 viñetas de humor gráfico, coñecidas como monos, que o artista asinou entre 1928 e 1930 na prensa do momento. “É un enigma o que lle levou a publicar ilustracións en xornais, persoalmente considero que foi un xeito de se dar a coñecer que abandou para se adicar en exclusiva á pintura”, explicou Iglexas. Aínda que estas ilustracións xa eran coñecidas ao seren publicadas, quedaran no esquecemento, á sombra do Laxeiro artista plástico.
Ao carecer de orixinais, para a elaboración da exposición recurriuse ás hemerotecas, reproducindo os debuxos e aportándolle a estética co papel e co xeito de impresión coa colaboración de Lab_in arte. Para o comisiario, pese á mocidade de Laxeiro, duns 20 anos, xa se atopa a súa pegada: “Nesta obra pódense apreciar coincidencias estilísticas cos seus debuxos, hai un gran desexo de experimentar”. Así, para Javier Buján, director artístico da Fundación Laxeiro, “amosa unha clara herdanza da estética que outros autores cultivaban, influenciados pola arte xaponesa e todo o influxo oriental que movementos como o Modernismo”.
Pero esta mostra tamén supón a descuberta do Laxeiro máis comprometido no ámbito social e tamén no político, con un humor moi semellante a Castelao ou Maside, as súas referencias, tal e como sinalou o comisario: “Como bo coñecedor do medio rural, recrea diálogos entre mozos e vellos, reproduce as discusións polas leiras, pero tamén se fai eco dos conflictos internacionais entre a URSS e China, utiliza a caricatura e amosa a súa inquedanza como membro do Partista Galeguista, un compromiso que ás veces queda desdebuxado pola imaxe de certo anarquismo que quixo dar”. Coincidindo coa inauguración da exposicón, hoxe, ás 19 horas, na Fundación Laxeiro terá lugar a presentación do libro co mesmo título, onde Buján e Iglexas únense a Félix Caballero para dar unha visión máis ampla da historia do humor gráfico galego e o papel que ocupou a producción de Laxeiro.n
 

Te puede interesar